Frente Popular Antifascista Gallego

Sociedade antifascista creada en Nova York en 1937.
Anuncio do Frente Popular Antifascista Gallego no xornal España Libre

Sociedade constituída o 4 de decembro de 1937 tras unha xuntanza no Centro Galicia, en 147 Columbus Avenue coa rúa 66, para aglutinar o apoio da comunidade galega á República durante a guerra civil española e na loita contra o fascismo en calquera lugar do mundo. Con este obxectivo, organizaron actos públicos para recadar fondos, os cales foron usados, por exemplo, para mercar catro ambulancias para a fronte republicana, que levaron os nomes das catro provincias galegas. Tamén enviaron apoio económico aos xornais antifascistas editados en Valencia e Barcelona, e aos guerrilleiros galegos que loitaban contra o exército sublevado nos montes de Galicia. E colaboraron da recadación de fondos para fletar o vapor Ipanema, que trasladou a refuxiados de Francia a México.

Entre os membros destacados estaban o principal dirixente Emilio Flores (posteriormente presidente en varias ocasións da Casa Galicia), o secretario xeral Ramón Mosteiro, o secretario de propaganda Víctor Fernández e o vogal Xosé Castro, este último tamén presidente da Sociedad Benéfica Española (coñecida como “La Nacional”) e secretario xeral das Sociedades Hispanas Confederadas, nas que o Frente Popular Antifascista Gallego estaba inicialmente integrada. A maioría dos seus membros procedían das Mariñas coruñesas (Sada, Oleiros e Bergondo), e formaban parte do Sindicato de Obreiros da Compañía de Electricidade. Emilio González López dá un listado do grupo inicial na súa fundación en 1937:

Secretario xeral: Ramón Mosteiro
Vicesecretario: Xenaro Borines
Tesoureiro: Xoán Díaz Alonso
Vicetesoureiro: Celso Gil
Secretario de propaganda: Víctor Fernández
Vicesecretario de propaganda: Xosé P. González
Secretario de actas: Antonio Rodríguez
Vicesecretario de actas: Antonio Sánchez
Vogais: Luísa Pérez, Rolinda Pérez, Enriqueta Borines, Fernando Díaz, Robelio Medín, Ramón Barbeito, Xosé Castro Álvarez, Xosé Lugrís, Paulino Basanta, Bieito Santos

Entre as súas actividades propagandísticas, organizaron mítines de Ramón Suárez Picallo, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Castelao. A visita de Castelao en 1938 inspirou a creación de novos comités da FPGA en Brooklyn, Newark, Bayonne e Bridgeport. A instancias de Castelao, Luis Soto, Ramón Suárez Picallo e Marcial Fernández, crearon un comité de rescate de refuxiados en 1939.

Debido a diferenzas ideolóxicas, o FPGA deixou de formar parte das SSHHCC en 1940. Posto que o Centro Galicia desaparecera en 1939, Castelao propuxo a creación dunha nova sociedade que unificase a comunidade galega, dando lugar á Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nueva York en 1940 (Fontes: Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000); Nancy Pérez Rey, “Unha achega á emigración galega a Nova York” (2008); Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).