A guerra civil española foi seguida con moita intensidade desde Nova York. A prensa estadounidense, escritores, políticos e asociacións civís fixeron campaña por ambos os dous bandos, especialmente polo republicano. Entre as asociacións americanas que se organizaron para envíar axuda á República estaban por exemplo American Friends for Spanish Democracy ou o Negro Committee to Aid Spanish Democracy de Harlem.

A comunidade española de Nova York actuou de xeito semellante, e sendo os galegos o grupo maioritario, estiveron á cabeza de moitas destas iniciativas. Destaca entre todas elas o chamado Frente Popular Antifascista Gallego, fundado en 1937 segundo conta o exiliado Emilio González López, nunha reunión que tivo lugar no “Centro Galicia” situado na Avenida Columbus. Un dos seus grandes logros foi o envío de catro ambulancias, ás que se lles deron os nomes das catro provincias galegas. Outra das actividades orquestradas polo FPAG foi a de levar a Nova York a persoeiros da política galega para recadar fondos e apoio para o goberno republicano.

Formando parte desta iniciativa, Castelao chegou a Nova York en 1938. O 14 de agosto iniciou a súa xira norteamericana nun multitudinario festival organizado polas Sociedades Galegas Unidas e o FPAG, onde deu o seu famoso discurso no Ulmer Park. A escolla de Castelao non foi accidental. Ademais de ser ben coñecido pola comunidade galega da cidade, o seu nome aparecía con frecuencia no xornal galego-neoirquino La Voz, creado polo vigués Ceferino Barbazán. Fiel ao seu lema “Pola xustiza social. Pola Democracia. Contra a Tiranía e o Fascismo”, o xornal publicou, por exemplo, a carta de Castelao “Aos galegos anti-feixistas de Nova York” que foi lida polo tamén galego Bibiano Fernández Osorio-Tafall (asimesmo invitado pola FPAG) no local do “Centro Galicia” (sito tamén en Columbus Avenue). Posteriormente, o 16 de agosto, La Voz publicou o artigo “El festival gallego tuvo éxito máximo”, onde se menciona a reacción afervoada que provocou o discurso de Castelao na parroquia galega de Nova York: “En los últimos minutos de su oración habló a sus paisanos, en la lengua vernácula y el entusiasmo se desbordó en ese momento, cuando los gallegos oían por primera vez, la palabra mágica de un hombre que en la lengua materna, sabía narrar la tragedia de la tierra ‘Meiga’, con un decir tan llano y tan sublime…”.  O xornal Frente Popular, editado polas Sociedades Hispanas Confederadas tamén recolle a visita do intelectual galego no artigo “Castelao en Ulmer Park” (19/8/1938), e mesmo inclúe un extracto do seu apaixonado discurso: “Vuestros huesos son las rovas [sic] vírgenes de Galicia. Vuestra carne es la tierra gallega. Vuestra sangre son los ríos que corren por la campiña galaica. Los fascistas no dominan a Galicia: Galicia la tenéis con vosotros mismos”.

A actividade do antifascismo galego en Nova York foi máis alá das FPAG. As Sociedades Hispanas Confederadas creáronse para “organizar unha fronte de loita antifascista agrupando ao maior número de asociacións españolas ubicadas nos Estados Unidos” (dinos María Ángeles Ordaz Romay nun artigo de 2006). O secretario xeral das SSHHCC era un galego de Oleiros, Xosé Castro, que tamén foi presidente da Sociedad Española de Socorros Mutuos, a máis antiga das sociedades españolas de Nova York. Dentro das SSHHCC existían, ademais da FPAG, outras tres sociedades completamente galegas: “Club Coruña” e “Centro Galicia” en “Muros y sus contornos” en Newark.

As SSHHCC seguiron existindo, aínda que con menos forza, durante a ditadura, pero xa dende o seus comezos houbo tensións políticas que levaron a certas sociedades a abandonar a unidade. Sinala González Lopez que, en 1940, o “Centro Galicia” de Nova York pasou a formar parte da Sociedad Benéfica Española. Con el desapareceu tamén o FPAG. Por suxestión de Castelao, converteuse esta en Casa Galicia Unity Gallega, organización que aínda existe na actualidade. Porén, a presenza galega continuou no xornal España Libre publicado polas SSHHCC en Nova York, do cal foi editor Xosé Castro.

            Durante e despois da guerra, chegaron a Nova York e a outras partes dos Estados Unidos máis exiliados galegos, como o citado Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal, Ramón Martínez López, José Rubia Barcia e Eugenio Granell. Os membros deste grupo atoparon traballo como profesores universitarios, e desenvolveron unha importante carreira académica e literaria, en galego (Guerra da Cal) ou castelán (Rubia Barcia e Granell). Como é o caso cos exiliados españoles radicados nos Estados Unidos, a crítica literaria tense referido a eles como un exilio “de elite” ou “de luxo”, pola posición social que acadaron grazas á súa formación intelectual. Mais, como nos lembra Víctor Fuentes (profesor tamén exiliado neste país), todos eles pasaron igualmente polas penurias da existencia exílica, que aparece reflectida nas páxinas das súas obras: o trauma da guerra e da marcha, o sentimento de perda, a nostalxia e a dor polo pasado irrecuperable e a indignación pola aceptación internacional da ditadura. O seu legado literario e humano, invisibilizado polo franquismo e esquecido durante décadas, comezou a recuperarse oficialmente tras a morte do ditador, a través de homenaxes e monumentos nas súas localidades de orixe, como o busto de Emilio González López presentado na Coruña en 2007, por iniciativa da Casa Galicia de Nova York.

GALERÍA DE FOTOS

Corpus de obras literarias dos exiliados onde aparecen referencias a Nova York

González López, Emilio (coa colaboración de Amado Ricón), Castelao, propagandista da República en Norteamérica, ed. por Xosé Ramón Fandiño (Sada: Ediciós do Castro, 2000) (ensaio).

Granell, Eugenio, “Nostálgico pronóstico”, en Federica no era tonta y otros cuentos (1970) (conto).

Guerra da Cal, Ernesto, “Negro Espiritual” e “Nocturno de Nova Iorque”, en Lúa de alén-mar (1959) (poesía).

___, “Broadway Very Late”, en Río de sonho e tempo (1963) (poesía).

Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel, comezo do libro segundo de Sempre en Galiza (1944). (ensaio).

___, caderno “A” en Cadernos (1938-1948) (1993, diario publicado postumamente).

Rubia Barcia, José, capítulo 8 de Umbral de sueños (1961) (prosa poética).

____, artigos compilados en Prosas de Razón y Hiel. Desde el Exilio: desmitificando al franquismo y ensoñando una España mejor (1976) (ensaio).

Soto, Luís, capítulos 4, 5 e 6 de Castelao, a U.P.G. e outras memorias (1983) (memorias).

Seoane, Luís, “O ponte de Brooklyn” e “Building Castles in Spain”, en Fardel de eisilado (1952) (poesía).

Bibliografía académica (selección)

Alonso Nogueira, Alejandro. “Meditación de inverno. Para unha lectura política do Libro II de Sempre en Galiza”, Grial, 202, 2014, pp. 40-51.

___. “Alén da lúa de alén mar: traxectorias dos intelectuais galegos exiliados en Nova York”, en Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores, ed. por Alberto Pena, Mário Mesquita e Paula Vicente (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega: 2015), pp. 135-156.

Axeitos Xosé Luis e Portela Yáñez Charo (eds.). Sesenta anos despois. Os escritores do exilio republicano (Sada: Ediciós do Castro, 1999).

Carroll, Peter N. e Fernández, James D. Contra el fascismo. Nueva York y la Guerra Civil Española (Madrid: Instituto Cervantes & Fundación Pablo Iglesias, 2007).

Cochón Iris, Francisco Dubert, Alfonso Mato, e Henrique Monteagudo. “Introducción”, en  Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cadernos (1938-1948) (Vigo: Galaxia, 1993), pp. I-XXXIX.

Faber, Sebastiaan e Martínez-Carazo, Cristina. “Problemas y paradojas del exilio español en Estados Unidos”, en Sebastiaan Faber and Cristina Martínez-Carazo (eds.), Contra el olvido. El exilio español de los Estados Unidos (Madrid: Instituto Franklin, 2009), pp. 9-26.

Fuentes, Víctor. “Arredor da narrativa galega no exilio”, Grial, 145, 2000, pp. 71-87.

___ . “Vigencia y exaltación de Rosalía de Castro en los escritores gallegos del exilio”, en Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península, ed. por Helena González e María Xesús Lama (Sada: Ediciós do Castro, 2003), pp. 117-124.

___ . “Constantes galegas no desterro intelectual de Norteamérica. Guerra da Cal, González López, Granell, Martínez López e Rubia Barcia”, Grial, 163, 2004, pp. 38-49.

____. “‘Manhattan Transfers’ personales al trasluz del exilio republicano en Nueva York”, en Contra el olvido. El exilio español de los Estados Unidos, ed. por Sebastiaan Faber e Cristina Martínez-Carazo (Madrid: Instituto Franklin, 2009), pp. 223-241.

Maceira Fernández, Xosé Manuel. A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural (Vigo: Ediciós do Cumio, 1995).

Martínez López, Ramón. A literatura galega no exilio (Ourense: Fundación Otero Pedrayo, 1987).

Mejía Ruiz, Carmen. “El exilio de Castelao en Norteamérica (Textos y documentos)”, Madrygal, 7, 2004, pp. 79-92.

Mera, Luis, Bores, Fernando e  Dobarro, Xosé María (eds.). Ernesto Guerra da Cal. Lonxe da súa terra matricial (Ferrol: Concello de Ferrol, 2002), pp. 113-115.

Monteagudo, Henrique. “Castelao no desterro, na guerra, no exilio, *Sempre en Galiza*” , en Homenaxe a Ramón Lorenzo, Volume 1, ed. por Dieter Kremer (Vigo: Galaxia, 1998), pp. 481-500.

___ . “Tempo de derrotas. Castelao en Nova York 1938-1940”, Grial, 52, 2014, pp. 30-39.

Núñez Seixas, Xosé Manuel e Cagiao Vila, Pilar (ed). O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios (Sada: Ediciós do Castro, 2006).

Ocampo Vigo, Eva e Piñeiro de San Miguel, Esperanza. Xosé Rubia Barcia. Un intelectual ferrolán no exilio (Ferrol: Liceo Rubia Barcia, 1995).

Ordaz Romay, María Ángeles. “Las Sociedades Hispanas Confederadas en archivos del FBI. (Emigración y exilio español de 1936 a 1975 en EE.UU.)”, Revista Complutense de Historia de América, 32, 2006, pp. 227-247.

Patterson, Craig. “Forever in Galicia? Castelao and the Homeland Made in Exile”, Forum for Modern Language Studies , 48:1, 2011, pp. 86-98.

Pena, Alberto, Mesquita, Mário e Vicente, Paula (eds.). Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega: 2015).

Pérez Rey, Nancy, “Panorama do exilio galego republicano en Nova York”, en O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios, ed. por Xosé Manuel Núñez Seixas e Pilar Cagiao Vila (Sada: Ediciós do Castro, 2006), pp. 189-198.

___ (2008). “Unha achega á emigración galega a Nova York”, Estudos Migratorios 1(2), 2008,  pp. 31-61.

Rey García, Marta, “Los españoles de Estados Unidos y la Guerra Civil (1936-1939)”, en Revista Española de Estudios Norteamericanos, 7 (1994): 107-120.

___ (1997). Stars of Spain. La Guerra Civil española en los Estados Unidos (Sada: Ediciós do Castro, 1997).

VVAA, Homenagem a Ernesto Guerra da Cal (Coimbra: Biblioteca Geral da Universidade de Coimbra, 1997).