Militante do Partido Comunista, representante da Federación de Trabajadores de la Enseñanza (FETE-UGT) e da Internacional de Trabajadores de la Enseñanza (ITE). Durante a guerra civil, escapa a Portugal en 1937 e tras unha curta estadía marcha a Francia como polizón e sen documentos no barco Masilia. Mais aos poucos días da súa chegada viaxa a Valencia para unirse á zona republicana, onde se reencontra con Castelao. En Valencia, xúntase con outros galegos afíns á causa da República no café Vodka, onde crearon a sociedade Solidaridade Galega Antifeixista (da que foi secretario), que se trasladou posteriormente a Barcelona. Neste cidade foi tamén director da revista Nueva Galicia.
En 1938, acompañou a Castelao na súa xeira polos Estados Unidos e Cuba a favor da República. Soto explica a visita de Castelao de maneira diferente á Emilio González López. Segundo González López, Castelao foi invitado polas Sociedades Hispanas Confederadas e o Frente Popular Antifascista Gallego de Nova York, que tamén sufragou a viaxe. Castelao sería polo tanto o primeiro persoeiro invitado directamente polo FPGA, mentres que outras viaxes como as de Bibiano Fernández Osorio-Tafall foran financiadas polo goberno de Juan Negrín. Pola contra, na versión de Soto, a viaxe de Castelao foi ideada polo presidente Negrín, quen suxeriu a Castelao a conveniencia de facer unha xira propagandística polo continente americano. Ante a suxerencia, Castelao expresou a súa vontade de comezar nos Estados Unidos, pois sabía que o antifascismo predominaba nos emigrantes españois que estaban neste país.
Tamén según o testemuño de Soto, os galegos que se atopaban na fronte do Ebro e Barcelona acordaron que Castelao (quen xa sufría de problemas de saúde, especialmente na vista) precisaría viaxar acompañado, e que sería o propio Castelao quen elixiría a Soto para esa tarefa. Miguel Anxo Seixas Seoane suxire que a compaña de Soto puido ser imposta polo goberno ou polos comunistas para vixiar a Castelao ou sacar partido da viaxe.
Con todo, Soto non viaxou ao mesmo tempo que Castelao e Virxinia Pereira, posto que tiña que representar ao FETE nun congreso internacional antifascista presidido por Winston Churchill celebrado en París. Polo tanto, Soto chegou a Nova York dous días despois que Castelao, ao bordo do Normandie, en xuño de 1938. Baixo os auspicios do FPAG, Soto acompañou a Castelao nos seus mítines en Nova York, polos Estados Unidos e Cuba. Á volta da xira residiu en 230 West 97 Street. Deu tamén discursos en solitario e viaxou a Tampa invitado pola sección do FPAG radicada nesta cidade. Foi nomeado presidente de honra do FPAG xunto con Castelao.
Malia que o seguinte paso sería viaxar con Castelao a Buenos Aires, Soto aceptou a invitación do presidente mexicano Lázaro Cárdenas para organizar o Quinto Congreso Americano de Mestres. México sería xa o destino final do seu exilio, onde foi un dos promotores da emblemática revista Vieiros, continuando un labor periodístico que comezara antes da guerra civil en publicacións como La República, El Soviet, Ateo e Escuela del Trabajo, e El Magisterio Español e Nueva Galicia durante a guerra. Malia regresar a Galicia nos anos sesenta para contribuír á refundación da UPG (Unión do Povo Galego), regresou a México, onde pasou os derradeiros anos da súa vida (Fontes: Luís Soto, Castelao, a UPG e outras memorias (1983); Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000), Ana González, “Luís Soto y su comprometido exilio gallego” (2011); Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).