A pesar de que, en termos absolutos, a emigración galega aos Estados Unidos ten sido cuantitativamente menor que aos países latinoamericanos (por exemplo un 3,75% do total de emigrantes a América de 1921 a 1930 segundo o historiador Bieito Alonso), a área de Nova York foi un destino relevante en certas localidades, sobre todo costeiras.
Varios estudos académicos realizados desde comezos da década dos 2000, por investigadoras como Nancy Pérez Rey, Carmen García-Rodeja ou Ana Varela-Lago, sinalan que de 1917 a 1941, Nova York foi o principal destino migratorio nas vilas de Bueu, Boiro, Ribeira, Muros, Carnota, Bergondo, Sada ou Oleiros. García-Rodeja e Pérez Rey apuntan que a porcentaxe de emigrantes a Nova York na zona da Mariña nesta época foi dun 36% fronte a destinos normalmente máis habituais como Buenos Aires (23%) e A Habana (17,1%). Salientan tamén que en Sada, no ano 1935, o 84% dos emigrados desta vila estaban en Nova York.
Os datos facilitados no estudo sobre a emigración española aos Estados Unidos de Germán Rueda confirman a relevancia da diáspora galega na área de Nova York. O traballo de Rueda indica que as persoas orixinarias de Galicia conformaban a maoría dos españois rexistrados nos Consulados en 1933 e 1934. O mesmo historiador sinala que de 1933 a 1935, o 50% dos 12.000 españois rexistrados en Nova York eran galegos. O exiliado Emilio González López vai máis alá e suxire que, na década dos trinta, o 90% dos 15.000 españois que vivían daquela na cidade procedían de Galicia. González López non basea estas cifras nunha fonte concreta máis alá da súa propia estimación, mais hai que ter tamén en conta o número de emigrantes que chegaban á cidade de xeito ilegal, sobre todo mariñeiros, incluso despois de que a National Origins Quota Act, unha lei que restrinxía emigración, fose aprobada en 1921.
Fóra de Nova York, os galegos tamén estaban presentes noutras partes dos Estados Unidos. Nun estudo de 2008, Ana Varela-Lago indica que “Nova York era o centro dunha rede de colonias españolas […] que se estendían por varios estados da costa oriental do país, como Nova Jersey, Pensilvania, Ohio, Vermont e West Virginia, onde predominaban galegos, asturianos e andaluces”. A cidade de Newark no estado de Nova Jersey, situada fronte a Nova York, recibiu un importante número de galegos, sobre todo de Ourense. De acordo con Miguel Anxo Murado, entre os residentes galegos a cidade era popularmente coñecida na forma galeguizada “Nuarca”. O filme documental Os 15000 de Newark (2007) de Anxo Fernández recolle un grande número de testemuños de emigrantes e descendentes de galegos que viven hoxe en día nesta zona, así como na vila de Harrison. Na zona coñecida como “Ironbound” aínda se poden atopar tendas e restaurantes con acento galego.
Todos estes datos indican que, cuantitativamente, a presenza galega en Nova York e Nova Jersey tivo un papel relevante tanto na historia da emigración galega e española a esta parte do mundo, como nas localidades de orixe dos emigrantes. Un aspecto salientable da comunidade galega na área neoioquina foi a cantidade de negocios que formaron parte do mapa urbano de Nova York desde comezos do século XX, sobre todo na zona coñecida como “Little Spain” na rúa 14, mais tamén noutras partes da cidade, principalmente en Manhattan. “La Coruña Bar”, “El Faro Bar-Restaurant”, “Café Chantada”, “Restaurant-Bar Central Galicia”, “Café Finisterre”, “Monte Tecla Bar-Restaurant”, “Restaurant Port Vigo”, e mesmo outros sen referencias explícitas a Galicia como o restaurante “Ebro” ou a tenda de roupa “La Iberia”, son algúns exemplos dos negocios rexentados por galegos na cidade. O mapa que se atopa ao comezo desta páxina ofrece unha cartografía da presenza galega nestas localizacións, así como os lugares de orixe da emigración en Galicia.
Foi tamén moi importante o labor desenvolvido polos clubes e sociedades de emigrantes, especialmente as que o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas denomina sociedades “microterritoriais”. Ao igual que sucedía en América Latina, os emigrantes crearon sociedades en Nova York destinadas a mellorar a vida das súas localidades de orixe. Estas sociedades eran a miúdo constituídas para financiar a construción dunha escola ou centro de instrución en Galicia, como foi nos casos das sociedades “Bergondo y sus contornos”, “Sada y sus contornos”, “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos” ou “Unión del Porvenir de Taborda y Piñeiro”. Ao mesmo tempo, estes eran espazos de socialización, lugares onde os emigrantes practicaban e celebraban a súa cultura e galeguidade a través de comidas e bailes (a míudo para recadar fondos) e como centro de reunión. O froito de ditas sociedades, os edificios que aínda continúan en pé grazas ao esforzo dos emigrantes e tamén das sociedades que co mesmo nome se crearon nos lugares de orixe, constitúe un importante legado social e cultural que, despois de ser en moitos casos expropiado pola ditadura franquista, foi recuperado en tempos máis recentes. Nese sentido, os edificios, monumentos e placas conmemorativas pódense considerar un nexo de unión, tanto físico coma cultural, entre os dous puntos do mapa: Galicia e Nova York.
Hoxe en día, estímase que os galegos aínda teñen unha presenza relevante na área de Nova York e Nova Jersey. En 2015, o xornal España Exterior. El periódico de las comunidades españolas en el mundo, afirmaba que había 17.600 galegos vivindo nos Estados Unidos. Nun artigo do mesmo ano, Miguel Anxo Santos Rego ofrecía un número meirande e calculaba que o total de galegos residentes neste país non era menor de corenta mil. En Nova York, a “Casa Galicia Unity Gallega” (fundada en 1940 por inspiración de Castelao) segue a ser o epicentro da comunidade galega, agora radicada principalmente no barrio de Astoria. En Nova Jersey, a emigración galega segue presente especialmente nas cidades de Newark e Harrison, onde sociedades como o “Centro Orensano” son algúns dos seus centros de reunion.
As galerías de fotos que aparecen embaixo reconstrúen esta experiencia a través de imaxes: a partida, algúns exemplos de galeg@s en Nova York, as súas sociedades e negocios, e a presenza de Nova York en Galicia.
Bibliografía
Alonso, Bieto. Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York (Santo Tirso: A Nosa Terra, 2006).
Fuentes, Víctor. “Arredor da narrativa galega no exilio”, Grial 145: 71-87.
___ . “Vigencia y exaltación de Rosalía de Castro en los escritores gallegos del exilio”, en Helena González e María Xesús Lama (eds.), Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península (Sada: Ediciós do Castro, 2007), pp. 117-124.
García-Rodeja, Carmen e Pérez Rey, Nancy. “Mulleres galegas na emigración: das Mariñas a Nova York”, en Helena González and María Xesús Lama (eds.), Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península (Sada: Ediciós do Castro, 2007), pp. 425-435.
González López, Emilio (coa colaboración de Amado Ricón). Castelao, propagandista da República en Norteamérica (Sada: Ediciós do Castro, 2000).
Jorge Pereiro, Natalia. “As escolas indianas en Tomiño”, Pontenova, Revista de Novos Historiadores 10: 107–116.
Méndez, Manuel. “O Grove revive su historia en ‘A Catorse’”, Faro de Vigo, 16/12/2017, <https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2017/12/16/o-grove-revive-historia-catorse/1804886.html> (accedido 11/7/2018).
Murado, Miguel-Anxo. Otra idea de Galicia (Barcelona: Debate, 2018).
Núñez Seixas, Xosé Manouel. O soño da Galiza Ideal. Estudos sobre exiliados e emigrantes galegos (Vigo: Galaxia. 2016).
Pérez Rey, Nancy. “Panorama do exilio galego en Nova York”, en Actas do Congreso Internacional “O exilio galego” (Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001), pp. 600-614.
___ . “Unha achega á emigración galega a Nova York”, Estudos Migratorios 1(2): 31-61.
Rueda, Germán. La emigración contemporánea de españoles a Estados Unidos 1820-1950. De “Dons” a “Misters” (Madrid: MAPFRE, 1993).
__ . “Asociaciones y otras formas de relación de los españoles en Norteamérica”, en Juan Andrés Blanco Rodríguez (ed.), El asociacionismo en la emigración española a América (Salamanca: Uned Zamora & Junta de Castilla y León, 2018), pp. 235–76.
“Rueda y Miranda visitan a la comunidad gallega en Newark y participan en el 75 aniversario de la Casa de Galicia de Nueva York”, España Exterior. El periódico de las comunidades españolas en el mundo, 25/9/2015, <http://www.espanaexterior.com/noticias/rueda-y-miranda-visitan-a-la-comunidad-gallega-en-newark-y-participan-en-el-75-aniversario-de-la-casa-de-galicia-de-nueva-york-2/> (accedido 11/7/2018).
Santos Rego, Miguel Anxo. “A comunidade galega en USA. Unha ruta de aculturación en perspectiva”, en Alberto Pena, Mário Mesquita e Paula Vicente (eds.), Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2015), pp. 83–94.
Varela-Lago, Ana. “A emigración galega aos Estados Unidos: galegos en Luisiana, Florida e Nova York (1870-1940)”, Estudos Migratorios 1(2): 63-84.
Vilar Álvarez, Manuel. “‘Vin porque me trouxeron, non quería vir’. De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota na cidade de Nova York”, Estudos Migratorios 2(2): 69-90.