Sada y sus contornos, Sociedad de Instrucción y Apoyo

Sociedade creada en 1913 en Nova York.
(Arquivo do Reino de Galicia)

Fundada o 19 de maio de 1913 por emigrantes sadenses en Nova York, con sede en 311 Water Street e posteriormente en 167 Cherry Street. Nos seus estatutos, declárase como obxectivo difundir e mellorar a ensinanza elemental en Sada, para educar homes e mulleres “de mente clara y sin prejuicios, cuya vida moral tenga por norma el sentimiento de solidaridad social”. Establécese tamén que a ensinanza será gratuita para os nenos dos socios e de familias con poucos recursos, das zonas de Sada, Bergondo e Oleiros, e que proporcionará clases nocturnas para adultos. A cuota mensual en Nova York era de 50 centavos. Entre os promotores da Sociedade estaban Ramón Mosteiro (o seu primeiro presidente) e Antonio Fernández Pita, que sería posteriormente alcalde de Sada de 1932 a 1936, e fusilado o 27 de novembro de 1936. Santiago Casares Quiroga foi nomeado socio honorario da Sociedade en 1930.

Como outras Sociedades de emigrantes, Sada y sus Contornos organizaba festas para recadar fondos, según reflicte por exemplo un artigo do Eco de Galicia (Habana) de 1920: “en la noche del día 13, la sociedad gallega Sada y sus Contornos celebró con extraordinaria animación y numerosa concurrencia un gran baile en el Leslie Hall en Broadway y calle 83 a beneficio del fondo con destino a la construcción de un colegio público, dotado de toda clase de comodidades y adelantos modernos”. Para poder administrar as doazóns e construir dita escola, creouse unha sociedade irmá en Sada, co mesmo nome, en 1918. En 1922 iniciouse a construción en Sada, e o centro abriu as súas portas no curso 1927-1928. Certas publicacións da época suxiren a aparición de críticas por parte dos sectores clericais e conservadores de Sada á apertura dunha escola laica. A sociedade de Nova York pechou en 1935, pero o seu equipo de fútbol Sada F.C. continuou en activo polo menos ata os anos 50.

Sada FC (1951-52) (Memoria de Casa Galicia)

En Galicia, tras o golpe de estado de 1936, o edificio da escola é incautado e usado como cuartel das tropas franquistas. Volve funcionar como escola en 1940, mais non co espíritu laico orixinal e a súa biblioteca (chamada “República Argentina” polas doazóns feitas pola sociedade de sadenses emigrados en Bos Aires) sufre de censura e mesmo a queima de libros. En Nova York, os membros da Sociedade participan nos actos benéficos organizados pola Casa Galicia de Unidad Gallega, da que foi presidente o sadense Emilio Flores Pérez. Nos anos 80 desfaise a Sociedade, cunha doazón á Universidade de Columbia, que comemorou o evento cunha placa. A escola continúa activa na actualidade, como centro de educación infantil e primaria. O esforzo e a visión dos sadenses emigrados en Nova York e os seus vecinos en Galicia perdura malia todas as dificultades ás que se tiveron que enfrontar. (Fontes: o artigo “ Unha achega á emigración galega a Nova York” (2008) de Nancy Pérez Rey; Estatutos da Sociedade e o libro de Miguel Gayoso Barreiro publicado pola Deputación da Coruña no 80 aniversario da escola).

Escola de Sada, construída grazas á sociedade Sada y sus contornos de Nova York (colección persoal)