Centro de Instrucción y Recreo de Bergondo y sus contornos

Sociedade creada en Nova York en 1924.
Comité de Bergondo y sus contornos, Nova York, 1934 (Arquivo Municipal de Bergondo)

Sociedade fundada en Nova York o 1 de xaneiro de 1924 por emigrantes da zona de Bergondo, como resposta á falta de educación dos emigrantes e as limitacións que isto supoñía para eles, incluída a comunicación cos seus familiares. Tivo a súa sede en 94 James Street, 311 Water Street e máis tarde en 239 West 14th Street. Os socios traballaban principalmente nos buques mercantes dos Estados Unidos, e pagaban unha cuota de 50 centavos mensuais.

O obxectivo da sociedade era mercar uns terreos en Bergondo para construír un centro educativo, e para recadar fondos tamén organizaban festas e bailes. Elexiron os terreos de A Senra, e para adquirilos fundouse en Bergondo unha sociedade irmá da de Nova York en 1926, co mesmo nome e con sede na casa dun dos socios fundadores, Andrés Lendoiro. No reglamento da sociedade, establécese que o centro facilitará ensinanza gratuíta a nenos e nenas que foran parentes dos socios, e de familias desfavorecidas, así como ensinanza nocturna para adultos. Os membros da sociedade neoirquina eran tamén socios de pleno dereito da sociedade radicada en Bergondo.

Fundadores da sociedade Bergondo y sus contornos en Nova York, anos vinte (Arquivo Municipal de Bergondo, foto presentada por Francisco Mosquera Muíño)

Grazas ás doazóns recadadas por ambas as dúas sociedades, o edificio, coñecido popularmente como “A Senra”, inaugurouse o 12 de xullo de 1936. Porén, foi incautado polo ao comezo da Guerra Civil, para ser usado como cuartel das tropas franquistas e estación alemana de radio para espiar á Radio Pirenaica do Partido Comunista. Despois da guerra, pasou a ser propiedade do Ministerio de Educación, que o cedeu á Universidade de Santiago de Compostela, e funcionou como albergue do SEU (Sindicato Español Universitario). A partir dos anos 70, o edificio foi abandonado e declarado en ruinas.

Edificio A Senra, construído grazas á sociedade Bergondo y sus contornos (1936) (Arquivo Municipal de Bergondo)

En 1968, despois de moitos anos de inactividade, un grupo de bergondeses comezou a reunirse nun comité da Sociedade Española “La Nacional” de Nova York. Entre eles estaba Benito Santos, quen se convertiu nunha peza fundamental na empresa da devolución de “A Senra” aos veciños de Bergondo. Malia a continúa actividade do grupo, tamén coordinada en Bergondo por Antonio Casal González, as peticións enviadas a multiples organismos estatais apenas recibiron resposta. En 1987, o Defensor del Pueblo suxire que soliciten unha cesión gratuita con fins sociais. Dita solución non foi levada a cabo ata 1999, da man do alcalde de Bergondo José Fernández Ramos, facéndose a cesión efectiva no ano 2000.

Comité de recuperación do edificio A Senra (Bergondo) en “La Nacional”, Nova York (Arquivo Municipal de Bergondo)

O edificio foi renovado e inaugurouse de novo como centro cultural en 2007. Benito Santos, declarado o primeiro Fillo Predilecto de Bergondo, non chegou a ver o resultado final de trinta anos de esforzo para recuperar “A Senra”, que se erixe hoxe en día como legado dos emigrantes radicados en Nova York e os bergondeses que levaron a cabo o soño de construír un local educativo para os seus veciños. (Fontes: Arquivo do Concello de Bergondo, e o artigo “Unha achega á emigración galega a Nova York” (2008) de Nancy Pérez Rey).

Edificio A Senra (Bergondo) despois de ser recuperado e restaurado (colección persoal)