Aínda que de xeito moi esporádico, Nova York comeza a aparecer na literatura galega no inicio do século XX. O poema vangardista “U… Ju juu…” de Vicente Risco, publicado en 1920 na revista A Nosa Terra, contén a que é probablemente a primeira referencia á cidade nas letras galegas:

A Cruña fita as brétemas d’Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER.

En 1921, Nova York é o escenario da obra teatral de temática espiritista Alén, de Xaime Quintanilla, quen sería o primeiro alcalde republicano de Ferrol, posteriormente fusilado en 1936 polas forzas sublevadas. Coa chegada dos exiliados a Nova York nos anos trinta e corenta, a cidade aparece tamén nalgúns dos textos publicados por estes autores. Non obstante, o foco principal das obras escritas no exilio é a experiencia da guerra e o país que tivo que ser deixado atrás, polo que as referencias a Nova York están limitadas a un feixe de poemas e referencias, se ben de grande interese.

A partir de 1980, coa publicación da novela Cara a Times Square de Camilo Gonsar, autor pertencente á Nova Narrativa Galega, Nova York ten unha crecente presenza na literatura galega. A novela de Gonsar abre tamén unha liña temática no corpus, que explora o lugar da identidade local no novo mundo global. En narrativa breve, a emigración a Nova York é o tema do relato “A descuberta”, incluído en Memorias dun emigrante (1986) de Antón Risco, e o conto “A muller loba” (publicado orixinalmente en 1993) de Claudio Rodríguez Fer. Ao igual que Gonsar e Risco, Rodríguez Fer viviu tempadas nos Estados Unidos, e estableceu unha relación persoal con Nova York que aparece reflectida tamén na súa poesía, por exemplo en “Mannahatta” do poemario A unha muller descoñecida (1997) e o poema “Rosalia’s Revolution in New York (Revolución rosaliana en Nova York)” (2013).

En 2006 e 2007 xorde un pequeno “boom” da literatura galega sobre Nova York. Primeiro, no capítulo inicial da novela Xelamonite (2006) de Luís Paradelo, que transcorre entre Newark e Nova York. En 2007 publicáronse tres obras narrativas de diferente ton: O home inédito de Carlos G. Meixide, New York, New York de Inma López Silva e Ratas en Manhattan de Francisco Álvarez “Koki”. Mentres que as obras de Meixide a López Silva xiran en torno a experiencia individual dun personaxe novo na cidade, con certo humor (New York, New York é de feito un diario ficcionalizado), a colección de relatos de Álvarez mostra a cara escura do soño americano e da experiencia migratoria. A diferenza das outras dúas autoras, Álvarez viviu a experiencia da emigración a Nova York de primeira man, e forma parte da rede cultural hispana da cidade, con participacións en antoloxías de poesía e narrativa e a organización de eventos culturais. Na obra ilustrada e trilingüe de literatura infantil Un neno na emigración (2014), o autor ofrece unha perspectiva orixinal sobre a emigración, ao contar a historia dun cativo nacido en Galicia que vive no barrio de Astoria, en Nova York. Tamén dentro da literatura infantoxuvenil, O segredo da casa de Formoso (2017) de Héctor Cajaraville narra o retorno a Galicia dunha familia galega emigrada a Bayonne (Nova Jersey). Do mesmo ano é o poemario trilingüe Nova York: ceo e mazá de Francisco X. Fernández Naval, un texto cheo de referencias intertextuais á experiencia vivida na cidade por autores de diferentes culturas, incluída a galega.

No que se refire ao audiovisual, é salientable o achegamento documental á emigración galega tanto en Nova York coma en New Jersey. Os 15.000 de Newark (2007) de Anxo Fernández artéllase en torno ao contacto directo cos emigrantes galegos e os seus descendentes que residen hoxe en día en Nova Jersey, as súas historias persoais contadas na súa meirande parte en galego. Na obra teatral Balor na acción dunha cadeira (2016), Roi Fernández documenta a emigración de Sada a Nova York. A súa cortometraxe Calquera infinito posible (2012), que transcorre á beira do East River, explora tamén cuestións relacionadas co desprazamento, a emigración e o exilio, neste caso entrelazando as experiencia galega e cubana. Aínda que non forma parte do audiovisual galego, no documental Little Spain (2014) de Artur Balder, sobre a comunidade española establecida na rúa 14 de Nova York e a sociedade coñecida como La Nacional, a presenza galega maniféstase de xeito continuado nos testemuños recollidos no filme. Na ficción, a comedia romántica Little Galicia (2015) de Alber Ponte, ten lugar a cabalo entre Galicia, Nova York e Nova Jersey, sendo esta última a localización dunha comunidade galega ás veces mitificada como unha “Pequena Galicia”, que serve para achegarse a temas como a identidade e a hibridación. E na animación e videocreación, Antón Cabaleiro ofrece nas curtas agrupadas baixo o título The Empire State Essays (2012) unha personal visión sobre a experiencia diaria en Nova York. Finalmente, tamén pode incluírse aquí o anuncio “Vivamos como galegos, New York” (2008) da cadea de supermercados GADIS, que culmina cun “supergaiteiro” subido enriba dun taxi amarelo en pleno Times Square. Do poema de Vicente Risco á publicidade, esta é unha imaxe que condensa a constante e crecente presenza de Nova York na cultura galega desde comezos do século XX.

CORPUS

Obras literarias

Audiovisual

Fernández, Anxo, Os 15000 de Newark (2007) (documental)

Roi Fernández, Calquera infinito posible (2012) (curta)

Antón Cabaleiro, The Empire State Essays (2012)

Balder, Artur, Little Spain (2014) (documental)

Ponte, Alber, Little Galicia (2015) (comedia romántica)

“Vivamos como galegos New York” (anuncio para Supermercados GADIS)