Ao referirnos á emigración galega, a localización xeográfica que vén inmediatamente á cabeza é América Latina. Mais aínda que o número de emigrantes procedentes de Galicia foi considerablemente menor nos Estados Unidos, este país tamén recibiu unha cantidade importante de galegas e galegos desde finais do secúlo XIX, que se estableceron especialmente na área de Nova York e Nova Jersey. De acordo con varios estudos e testemuños, a comunidade galega de Nova York foi de feito a meirande dentro do grupo de emigrantes chegados desde España, contando así mesmo cunha presenza relevante no veciño estado de Nova Jersey. En Nova York tamén se estableceron (temporal ou permanente) exiliados galegos coma Castelao, Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal, Basilio Álvarez, Eugenio Granell ou José Rubia Barcia. Algúns deles ocuparon postos importantes no sistema universitario estadounidense, e contribuíron ao desenvolvemento dos programas de Estudos Hipánicos e Lusófonos neste país. Ao mesmo tempo, deixaron constancia do trauma causado pola súa condición de exiliados nunha obra literaria en forma de ensaio, narrativa ou poesía. Ademais da literatura do exilio, Nova York está presente na cultura galega (na literatura e máis recentemente no audiovisual), sobre todo desde os anos oitenta do século XX.

Emigrante galego nos Estados Unidos, aprox. 1910
(Arquivo da Emigración Galega)

Esta web é parte dunha investigación dirixida polo profesor David Miranda Barreiro, que estuda a relación entre Galicia e estas dúas localizacións, desde o prisma da emigración, o exilio, e a súa presenza en obras literarias e audiovisuais.

A páxina está dividida en apartados temáticos que seguen as liñas de investigación anteriormente mencionadas, con información textual, fotografías e un mapa que cartografía a presenza galega na cidade ao longo dos séculos XX e XXI. Conta tamén cunha Base de Datos sobre lugares, persoas, asociacións, etc. relacionadas con ditas temáticas, e un “Magazine” no que se publicarán contribucións de diferentes autoras sobre o tema central da investigación, así como outras temáticas relacionadas. En paralelo, o proxecto ten contas asociadas de Instagram e Twitter que se actualizan regularmente.

Emigrante galega no Bronx, aprox. 1946
(Arquivo da Emigración Galega).

Queda aínda moito por saber e escribir sobre historia da comunidade galega en Nova York e Nova Jersey, sobre as sociedades de emigrantes, as súas prácticas culturais e o seu legado en Galicia, as vivencias individuais dos seus membros, a literatura do exilio galego nos Estados Unidos, a presenza de Nova York na cultura galega…

Se che interesa o proxecto, tes algunha información, pregunta, comentario, etc. relacionado co tema, ou che gustaría contribuír coa túa historia ou opinión, estaremos encantados de que contactes con nós neste enderezo: galicia.nyj@gmail.com