Unión del Porvenir de Taborda-Piñeiro

Sociedade creada en 1918 en Nova York.
Edificio da Unión del Porvenir de Taborda e Piñeiro coa bandeira norteamericana (foto de Fernando Pino, xentileza de Natalia Jorge)

Sociedade fundada en Nova York por emigrantes deste municipio, o 24 de decembro de 1918. Tivo a súa sede en 409 West 39 Street. Posteriormente, fundáronse delegacións tamén en Bos Aires (1919) e Lisboa (1921). Como no caso doutras sociedades, o seu obxectivo era construír un edificio para facilitar o acceso á educación dos seus membros e as súas familias, así como servir de centro de ocio. O edificio, cuxo estilo está inspirado na funcionalidade e modernidade das escolas das repúblicas americanas, levantouse na linde entre ambas as dúas parroquias e inaugurouse o 28 de xuño de 1931. O custo total, financiado polas tres delegacións, foi de 36.517 pesetas. Na guerra civil o edificio foi requisado e usado como cuartel para as tropas franquistas, e escola ata os anos 70, cando foi pechado para quedar despois abandonado.

Edificio da Unión del Porvenir de Taborda e Piñeiro na actualidade (colección persoal)
O nome de Nova York gravado na pedra do Edificio da Unión del Porvenir de Taborda e Piñeiro (colección persoal)

Non foi rehabilitado ata ben entrado o século XXI e abriuse de novo en 2013. Actualmente funciona como centro social e ten por exemplo unha cafetería e un salón de actos. Case un século despois da súa construción, os veciños de Taborda e Piñeiro poden volver desfrutar do patrimonio deixado polos emigrantes. (Fontes: exposición dirixida pola historiadora Natalia Jorge Pereira).