Sociedades Hispanas Confederadas

Agrupación de sociedades antifascistas creada en 1936 en Brooklyn.
Portada da publicación Frente Popular (14/4/1939) recollida por Emilio González López e Amado Rincón

Agrupación de sociedades antifascistas de emigrantes procedentes de España e Latinoamérica, creada en 1936 e con sede en Brooklyn. Chamada orixinalmente Comité Antifascista Español, tivo unha importante presenza galega, no só polas sociedades galegas que, como o Frente Popular Antifascista Gallego, estaban nela integradas e polo tanto a nutrían dun importante número de afiliados, senón tamén polo papel individual dalgúns dos seus membros como Xosé Castro e Domingo Alonso, quen tiveron o cargo de secretario xeral. Na creación do Comité Antifascista Español tamén xogou un papel importante Xosé Pantín. Outros galegos con actividade destacada foron Manuel Alonso (Pontevedra) e Francisco Mares (O Carballiño).

Desde 1937, as SSHHCC editaron a publicación Frente Popular, que posteriormente se converteu en España Libre e se mantivo ata 1976 co final da ditadura, e da que foi editor Xosé Castro. Ao longo dos seus case corenta anos de existencia, en España Libre incluíu artigos culturais e de opinión referentes a Galicia, e tanto as sociedades galegas como os negocios rexentados por galegos apareceron con regularidade na sección de anuncios. Exiliados galegos como José Rubia Barcia firmaron algúns dos artigos máis ácedos contra ditadura e a aceptación internacional desta, con fortes críticas ao apoio dos Estados Unidos.

Malia aparecer coma un grupo unido durante a guerra, tras a victoria de Franco comezaron a agudizarse as discrepancias ideolóxicas entre comunistas, anarquistas e nacionalistas, o que levou a varias das sociedades integrantes (como o FPGA) a abandoar ás SSHHCC (Fontes: testemuño de Emilio González López no libro Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000); “Los españoles de los Estados Unidos y la guerra civil (1936-1939)” (1994) de Marta Rey García; “Las Sociedades Hispanas Confederadas en archivos del FBI (emigración y exilio español de 1936 a 1975 en EEUU)” (2006), de María Ángeles Ordaz Romay).