Sendón, Claro José

Louro, Muros, 1899 – Nova York, 1937. Anarquista.

A comezos dos anos 20 emigra rumo a Filadelfia e Nova York traballando como mariñeiro e camareiro. Escribe, invitado por José Villaverde, no ¡Despertad! para que envíe as súas “Crónicas de Yanquilandia” cando xa era moi coñecido pola comunidade galega de Brooklyn, Newark, Yonkers, New Jersey, etc.. Tamén escribiu no semanario da Confederación Regional Galaica (CRG), Solidaridad Obrera, e de cando en vez no voceiro da FAI, Tierra y Libertad. En 1932 volve a Galicia. Incorpórase á CNT e, en febreiro de 1933, desempeña na Coruña o cargo de director da “Soli”. A súa oratoria agresiva de tonalidade marcadamente anticlerical, foi moi popular na comarca de Noia. A mediados de 1933 o comité do CNT chámao a Madrid para incorporarse á redacción do xornal CNT e colabora co Comité Pro Presos Nacional. Regresa á Coruña fracasada a Revolución de Asturias, axuda á reorganización do CRG participando no Comité Galaico. No ano 1935 trasládase a Lousame, onde por mediación do seu amigo e dirixente do Sindicato Minero y Profesiones Varias de San Finx, Enrique Fernández, entra a traballar como peón nas minas de wolfram. Máis adiante será mestre dos fillos dos mineiros. Tempo despois vai a Huelva para axudar ó Sindicato de Industria Pesquera para orienta-los pasos dos mariñeiros organizados. Alí emprégase de novo como mineiro en Riotinto e toma parte na resistencia. Huelva cae a comezos de agosto de 1936 e Sendón foxe nun pesqueiro a Casablanca, no Marrocos francés e de alí vai a Orán (Alxeria). En outubro do mesmo ano volve a Madrid para traballar na redacción do xornal CNT. Despois vai a Valencia para integrarse na Confederación Levantina da CNT chega a ser delegado da Regional Levantino no Comité Nacional da CNT, militando con Federica Montseny. Escribe no voceiro da CNT levantina, Fragua Social, e continúa unha relación moi estreita con outros camaradas galegos refuxiados por aqueles lugares, como o militante do Sindicato de Transportes Luís Chamorro, ou o cariñense Manuel Pita Armada, alma da colectivización da industria conserveira do porto almeriense de Adra. A mediados de xullo de 1937 a CNT decidiu aproveita-la súa experiencia dos EE.UU para envialo xunto con Juan López, Serafín Aliaga e Avelino González Mallada a unha xira de propaganda por todo o continente americano, aínda que pouco se sabe disto. Claro Sendón estivo nun acto na cidade de México participando tamén Lázaro Cárdenas. En Estados Unidos Avelino González falece nun accidente automobilístico e Claro Sendón morre en Nova York, a finais do mes de novembro, con 38 anos a causa da tise. A nova do seu pasamento, comunicada polo Comité Nacional da CNT, pasou desapercibida en Galicia.

(Información extraída directamente do “Repertorio biobibliográfico do exilio galego”, Consello da Cultura Galega).