Pereira Rende, Virxinia

A Estrada, 1884 – Madrid, 1969. Exiliada que residiu en Nova York de 1938 a 1940.
Virxinia Pereira en Nova York (en Castelao, a UPG e outras memorias, de Luis Soto, Xerais, 1983)

Chegou a Nova York xunto co seu home Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en xuño de 1938, a bordo do paquebote Ille de France, saíndo de La Havre e facendo escala en Southampton. A parella permaneceu nos Estados Unidos ata xullo de 1940 (incluíndo visitas a outras cidades e unha estadía de tres meses en Cuba). Instaláronse inicialmente no Hotel Alamak (Broadway, esquina da rúa 71), e posteriormente residiron en 141 West 85th Street (Manhattan). En 1940 marcharon a Buenos Aires. Acompañou a Castelao na súa misión propagandística a prol da República e o seu empeño de unificar aos galegos antifascistas, participando por exemplo cun discurso nun picnic de axuda a España celebrado no parque de Staten Island, e organizado polo Comité Pro Democracia Española en Nova Jersey e o Comité Español de Staten Island. Foi nomeada presidenta de honra da Sección de Damas e das Juventudes Gallegas do Frente Popular Antifascista Gallego (Fontes: Luís Soto, Castelao, a UPG e outras memorias (1983); Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000); Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).