Fernández Osorio-Tafall, Bibiano

Pontevedra, 1902 – Ciudad de México, 1990. Político e biólogo exiliado.
“Personajes republicanos.. Políticos, alcaldes, ministros, consejeros, comisarios” entre 1936 y 1939. PIB bdh0000237927. CC Biblioteca Nacional de España (dominio público)

Ademais do seu traballo como investigador e docente no campo da bioloxía, desempeñou unha carreira política na que participou na elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia que o levou a ser alcalde de Pontevedra e deputado a Cortes pola Federación Republicana Gallega en 1931, entre outros cargos. Foi secretario xeral de Izquierda Republicana e Comisario xeral do Exército de Terra no Ministerio de Guerra en Barcelona durante a guerra civil. Ao remate da guerra, marchou ao exilio en Francia e finalmente en México, onde chegou en 1940 a acadou a nacionalidade mexicana en 1941.

En 1938, durante a guerra civil, Osorio-Tafall foi invitado a Nova York polo Frente Popular Antifascista Gallego e as Sociedades Hispanas Confederadas. Chegou á cidade o 21 de marzo no vapor Manhattan. Ao día seguinte deu unha conferencia no local compartido polo Centro Galego e a FPAG (en 66 Columbus Avenue), onde falou do desenvolvemento do movemento galeguista e do Estatuto de Autonomía. Tamén leu a carta de Castelao (que naquel momento estaba na bombardeada Barcelona) “Aos galegos antifeixistas de New York”, que foi posteriormente publicada na revista Nueva Galicia de Barcelona (23 de xullo de 1938) e na revista La Voz de Nova York (15 de xullo de 1938). O 25 do mesmo mes participou noutro acto na Central Opera House (205 East 67th Street), no que defendeu a postura do presidente Juan Negrín na loita contra Franco. En abril de 1939 foi nomeado secretario xeral do SERE (Servicio de Evacuación de los Republicanos Españoles) creado por Negrín.

Despois da súa estadía en Nova York, marchou á República Dominicana e logo a México, onde foi profesor na Universidade Autónoma. Ocupou tamén cargos nas Nacións Unidas, na Sociedad Mexicana de Historia Natural e na Oficina Rexional para la Agricultura en Chile, desempeñando cargos tamén en Indonesia e Exipto. Recibiu a Medalla de Ouro da Academia Galega das Ciencias en 1987 e a Medalla Castelao en 1988 (Fontes: Real Academia de la Historia, “Bibiano Fernández Osorio Tafall”; Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000); Consello da Cultura Galega, “Repertorio biobibliográfico do exilio galego”; Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).