Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel

Rianxo, 1886 – Buenos Aires, 1950. Escritor, artista e político que residiu en Nova York de 1938 a 1940, exiliado a partir do final da guerra civil española.
Castelao en Nova York (en Castelao, a UPG e outras memorias de Luis Soto, Xerais, 1983)

Castelao chegou a Nova York xunto coa súa dona Virxinia Pereira o 26 de xullo de 1938, a bordo do paquebote Ille de France, saíndo de La Havre e facendo escala en Southampton. A parella permaneceu nos Estados Unidos ata xullo de 1940 (incluíndo visitas a outras cidades e unha estadía de tres meses en Cuba). Instaláronse inicialmente no Hotel Alamak (Broadway, esquina da rúa 71).

Castelao foi convidado polas Sociedades Hispanas Confederadas e o Frente Popular Antifascista Gallego, dous grupos antifranquistas con sede en Nova York dirixidos por galegos (Xosé Castro e Ramón Mosteiro, respectivamente), co fin de reunir apoios e fondos para a causa republicana. Porén, hai opinións contraditorias sobre como se financiou e organizou esta visita. Nas súas memorias, Luis Soto (quen acompañou a Castelao), sostén que foi o presidente Juan Negrín o que pediu ao intelectual e político galego que fose a Nova York en misión propagandística. Non obstante, Emilio González López desbota vehementemente esta teoría, subliñando que Castelao foi a Nova York a petición dos membros galegos das citadas sociedades antifascistas. Esta teoría é tamén a que manexa Miguel Anxo Seixas Seoane, quen indica que Castelao recibira unha invitación do FPAG antes de ser contactado polo goberno, e que aceptara dita invitación nunha serie de cartas agora perdidas. Seguindo a petición do Ministro de Estado Julio Álvarez de Vayo, o plan era que viaxase a Arxentina en nome da República, e Castelao decidiu honrar primeiro os compromisos que adquirira en Nova York para o mes de agosto. Tamén según Seixas Seoane, Negrín diríalle que debería ir primeiro aos Estados Unidos, aínda que estas indicacións parecen posteriores á invitación da FPAG que xa aceptara Castelao.

A elección de Castelao non parece casual, xa que a comunidade española en Nova York (a meirande dos Estados Unidos) incluía a un gran número de galegos. Dada a súa popularidade como artista e escritor e o seu carismático rol como líder do Partido Galeguista, Castelao estaba especialmente posicionado para galvanizar o apoio republicano neste país. Castelao era coñecedor da existencia dunha comunidade galega en Nova York, á que dirixiu a súa carta “Aos galegos antifeixistas de New York”, lida antes da súa chegada polo tamén político galego Bibiano Fernández Osorio-Tafall nun evento celebrado no Centro Gallego sito en Union Square. Outros obxectivos que tiña en mente Castelao era o de unificar aos galegos antifascistas axudar á saída de antifascistas galegos de España.

Baseándonos na correspondencia persoal de Castelao, o relato de Luis Soto e os informes da prensa antifascista española con sede en Nova York reunidos por Emilio González López e Amado Rincón, a visita de Castelao foi un grande éxito. Un dos momentos máis memorables da súa estadía produciuse nun festival organizado polo FPAG e as Sociedades Gallegas Unidas para recabar fondos, que tivo lugar o 14 de Agosto de 1938 no desaparecido Ulmer Park. Alí, Castelao fixo un discurso que finalizou en galego e co que encendeu os ánimos da comunidade galega. Deu tamén mitins en Nova York e Newark, por exemplo nun evento organizado pola American League for Peace and Democracy, discursos en Madison Square Park e no local do FPAG en Newark (St. George’s Hall 180, New York Avenue), e unha conferencia sobre Galicia feita en galego no Centro Galicia. Foi nomeado presidente de honra do FPAG xunto con Luis Soto.

De agosto a novembro de 1938, percorreu os Estados Unidos, e visitou Cuba entre novembro 1938 e febrero 1939, en campaña propagandística a prol da República. De volta a Nova York nas cartas que envía a partir de este ano aparece unha nova dirección: 141 West 85th Street (Manhattan). Segundo Emilio González López, Castelao e Pereira mudáronse a unha residencia onde alugaron unha habitación con cociña e baño. En xullo e agosto viaxa con Virxinia Peira nunha nova xeira por California, encargada por un comité catalán radicado en Washington. En Hollywood coñece a Joan Crawford e Paul Muni, que simpatizaban coa República, e case a Charles Chaplin, mais este estaba convalecente. Voltan despois a Nova York.

Porén, unha vez rematada a guerra civil española, Castelao atopouse varado nun país onde se sentía illado e incapaz de atopar ingresos estables. En parte isto foi debido ás súas dificultades para aprender inglés, mais tamén pola súa situación irregular no país, xa que a súa documentación republicana deixa de ser válida nos EEUU. A derrota republicana e as divisións internas dentro dos exiliados aumentaron esa sensación de soidade e alienación, como se pode inferir das referencias repetitivas á tristeza nas súas cartas de Nova York. A pesar do seu estado emocional, Castelao mantivo ata o final da súa estadía a súa intensa actividade política, tratando de axudar aos refuxiados que se atopan en Francia para que poidan marchar a América. En Nova York tamén publicou a súa terceira colección de debuxos da Guerra Civil, Milicianos (1938), editada polo FPGA, que se exhibiu xunto cunha variedade de obras anteriores, escribiu a obra de teatro Os vellos non deben de namorarse e comezou o segundo volume do seu ensaio cultural e político Sempre en Galiza (primeira edición 1944, edición completa 1961).

O illamento que sentiu Castelao en Nova York chegaría ao seu final grazas ao seu traslado a Buenos Aires, a “Galicia Ideal” (segundo as súas propias palabras), onde volveu conectar coa comunidade galega e cunha cultura máis familiar. Mais antes de marchar en 1940, fixo un derradeiro esforzo por reforzar o sentimento de identidade galega en Nova York coa suxerencia de que a FPAG cambiase o seu nome a Unity Gallega e abandoase as Sociedades Hispanas Confederadas. Nese mesmo ano, pouco despois da súa partida, Unity Gallega creou a Casa Galicia que todavía existe hoxe. En 1946, Castelao visitou de novo Nova York, e foi homenaxeado pola Casa Galicia de Unity Gallega, sendo nomeado o primeiro socio de honra da sociedade.

Bibliografía selecta sobre Castelao en Nova York

Casa Galicia de Unity Gallega, “Historia de Casa Galicia”

Cochón Iris, Francisco Dubert, Alfonso Mato, e Henrique Monteagudo, “Introducción”, en Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cadernos (1938-1948) (Vigo: Galaxia, 1993), pp. I-XXXIX.

Domínguez, César, “‘Eu son fillo dunha Patria descoñecida.’ Do Atlántico negro ao Atlántico verde a través da diáspora galega Castelao (cunhas notas sobre Whitman e Lorca)”, Grial 52: 64-71

González López, Emilio e Amado Rincón, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (Sada: Ediciós do Castro, 2000).

Mejía Ruiz, Carmen, “El exilio de Castelao en Norteamérica (Textos y documentos)” Madrygal 7:79-92.

Monteagudo, Henrique, “Castelao no desterro, na guerra, no exilio, Sempre en Galiza”, Homenaxe a Ramón Lorenzo, Volume 1, ed. por Dieter Kremer (Vigo: Galaxia, 1998), pp. 481-500.

__ , “Tempo de derrotas. Castelao en Nova York 1938-1940”, Grial 52: 30-39.

Paz-Andrade, Valentín, Castelao. Na luz e na sombra (Vigo: Galaxia, 2012).

Pérez Rey, Nancy, “Panorama do exilio galego en Nova York,” Actas de Congreso Internacional “O exilio galego” (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2001), pp. 600-614.

__ , “Unha achega á emigración galega a Nova York”, Estudos Migratorios 1(2): 31-61.

Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel, Obras, Volume 6, ed. por Xosé Manuel Núñez Seixas (Vigo: Galaxia, 2000).

Seixas Seoane, Miguel Anxo, Castelao. Construtor da nación, Tomo II (1931-1939) (Vigo: Galaxia, 2020).

Soto, Luis. Castelao, a U.P.G. e outras memorias (Vigo: Xerais, 1983).