Casa Galicia Unity Gallega New York

Sociedade creada en 1940 en aínda en funcionamento.
Memoria, publicación anual de Casa Galicia

Sociedade fundada en 1940 e aínda en funcionamento, é desde a súa creación a referencia da comunidade galega en Nova York. Creouse por inspiración de Castelao (primeiro Socio de Honra) despois de que o Frente Popular Antifascista Gallego se desvinculase das Sociedades Hispánicas Confederadas, e para encher o oco do desaparecido Centro Galicia. Tivo sede nas seguintas localizacións: 113 West 59 Street (1942-1954), 153 West 64 Street (1954-1958), 405 West 41 Street (1958-1970), 119 West 11 Street (1970-1994), 37-09 31st Avenue, Astoria (1994-).

Foron membros algúns dos exiliados galegos como Emilio González López e Ernesto Guerra da Cal, mais no seu reglamento non se asociou cunha ideoloxía concreta (sempre dentro duns principios democráticos), para evitar divisións internas dentro da comunidade galega. Entre os seus presidentes destaca Emilio Flores, membro fundador e o seu principal dirixente en catorce ocasións, quen tamén tivera un papel destacado no Frente Popular Antifascista Gallego.

O poeta e profesor exiliado Ernesto Guerra da Cal e o profesor exiliado Emilio González López en Casa Galicia, Nova York (cuarto e quinto desde a esquerda, de pé) (1946) (Memoria de Casa Galicia)

Ao longo da súa historia, a sociedade organizou festas e eventos benéficos para apoiar iniciativas en Galicia como A Cociña Económica ou o Sanatorio de Oza na Coruña ou a Fundación Penzol en Vigo. En Galicia, tamén hai sinais da súa presenza nas placas colocadas na estatua adicada a Curros Enríquez na Coruña e Rosalía de Castro en Compostela, deixadas nunha visita feita en 1958. Mantivo asimesmo unha activa vida cultural e de promoción da cultura galega na cidade, con visitas de escritores e intelectuais, artigos publicados nas súas “Memorias” anuais, creación de grupos de música e baile tradicional e participación no desfile do “Día da Raza” en Nova York (Fontes: Memorias da sociedade; Web da sociedade; o artigo “Unha achega á emigración galega a Nova York” (2008) de Nancy Pérez Rey).

Desfile da Casa Galicia no Día da Hispanidade en Nova York (1966-67) (Memoria de Casa Galicia)