Foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931 e traballou a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía. Foi elexido deputado nas eleccións de 1936. Cando comeza a guerra civil atópase en Madrid como parte da comisión que leva o Estatuto ás Cortes, o que o salvou de ser asasinado polas forzas fascistas como moitos dos seus compañeiros en Galicia. Xunto con Castelao, funda en Valencia Solidariedade Galega Antifeixista. En Barcelona foi o agregado legal do comisario xeral do Exército de Terra no Ministerio de Guerra, o tamén galego Bibiano Fernández Osorio-Tafall.
Ao remate da guerra civil cruzou a fronteira francesa e de alí embarcouse xunto con Marcial Fernández no barco Queen Mary a Nova York, onde chegaron o 29 de marzo de 1939. Alí recontrouse con Castelao, Basilio Álvarez, Emilio González López e Ernesto Guerra da Cal. Foi invitado por Ramón Mosteiro a falar xunto con Marcial Fernández a prol das actividades do Frente Popular Antifascista Gallego, en Nova York e ao longo dos Estados Unidos, co galego (de Lérez) José Lores como chofer. O obxectivo desta viaxe era recabar fondos para fletar o vapor Ipanema e trasladar a refuxiados republicanos de Francia a México.
Deixou Norteamérica en xullo de 1939, con destino á República Dominicana, de onde partiu cara Chile por mor da ditadura de Trujillo, e finalmente a Buenos Aires. No exilio latinoamericano, participou na creación de GALEUZCA en Chile e do Consello de Galicia en Montevideo (Fonte: Lois Pérez Leira, Ramón Suárez Picallo, o primeiro deputado da emigración; Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).