Mosteiro, Ramón

Activista antifascista.
Ramón Mosteiro en 1962 (Memoria de Casa Galicia)

Nado nos Estados Unidos, estaba estudando Medicina en Santiago de Compostela cando comezou a guerra civil. De acordo con Emilio González López, regresou inmediatamente aos EEUU e converteuse en presidente do Fronte Popular Antifascista Gallego. Elixio Villaverde García indica que Mosteiro estivo na zona republicana en outono de 1938 “con axuda material e moral”, e retorna a Nova York con Ernesto Guerra da Cal, cunha carta de Ramón Suárez Picallo “Pra os irmáns do Frente Popular Antifascista Gallego de New York”. A carta, reproducida no traballo de Villaverde García, confirma a presenza de Mosteiro na fronte (Fontes: Elixio Villaverde García, “A forxa dun rebelde con causa: Ramón Suárez Picallo” (1993), Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000)).