“Habitar a memoria”

Yolanda Ríos Coello
Investigadora e artista plástica

Yolanda Ríos Coello (Moaña, 1979) é investigadora e artista plástica. A súa obra aborda os conceptos de espazo privado e público. A súa linguaxe escultórica baséase na arquitectura, en algúns casos traballando con materiais empregados en maquetas (papel, cartón), e noutros con elementos propios da construción (cemento, ladrillos, metal). A súa instalación “Habitar la memoria” foi un dos proxectos gañadores da VEGAP (Entidad Visual de Xestión de Artistas Plásticos) e foi exposta na Sala Sur do Centro Conde Duque (C. do Conde Duque 11, Madrid) entre novembro de 2024 e febreiro de 2025.

A instalación

“Habitar la memoria” baséase na idea de fogar e identidade que os emigrantes galegos construíron en Nova York e Nova Jersey desde finais do século XIX. Estes dous Estados foron os destinos preferidos pola maioría dos galegos emigrados a Estados Unidos, e algúns destes deixaron constancia do trauma causado pola súa condición de emigrantes, sobre todo en obras literarias, que evidencian esta condición complexa de extrañamento, desarraigo ou “morriña”.

Despois da investigación desenvolvida durante este traballo, púidose observar que a construción da identidade por parte dos galegos emigrados levábase a cabo a través dos encontros que realizaban en asociacións como a Casa de Galicia en Nova York. Nestes encontros sucedíanse os bailes tradicionais, a organización de comidas e xantares, e ao mesmo tempo tamén ofrecían unha rede de apoio a novos migrantes galegos, así como o envío de divisas para diversas causas sociais ou educativas. Pola súa banda, as persoas que emigraban seguían mantendo fortes lazos con Galicia, principalmente porque deixaban atrás a familiares aos que enviaban diñeiro, obxectos ou roupa desde EE. UU.

Con esta instalación preténdese mostrar a relación de correspondencia entre un lugar e outro, entre Galicia e Nova York e Nova Jersey. Unha mesa, lugar de encontros, reunións e comidas, é a base na que se sitúan diversas pezas de cerámica. As pezas que están sobre a mesa son reproducións de formas de cerámica tradicional galega, entre elas un xerro empregado como asador de castañas, un pote ou unha xarra de trampa, sobre as que medran estruturas ou edificios representativos de Nova York. Situadas debaixo da mesa atópanse os “remates”, estruturas de cerámica que se localizan nos tellados de algúns fogares galegos, cuxas formas varían segundo o oleiro e a zona. Escolléronse cinco formas diferentes que dialogan coas pezas situadas sobre a mesa.

A investigación

A través da web https://newyork.gal/ extraíuse moita información interesante sobre o tema. O autor da web, David Miranda Barreiro, é un investigador e profesor na Universidade de Bangor co que mantiven contacto, tamén se tivo un encontro por Teams con María Seijo Richard, profesora na Universidade de Leeds, que me contou como na súa vila natal, Bergondo en A Coruña, moitas persoas emigraron a Nova York. Tamén me deu información sobre o cine de correspondencia, xénero cinematográfico que se desenvolveu en Galicia. Nestas cintas realizábase un intercambio de grabacións desde os dous lados do Atlántico, filmábanse en Galicia escenas cotiás, paisaxes, festas populares, etc., por encargo do colectivo de emigrantes de América. Pola súa parte, realizábanse as películas destinadas a mostrar no seu país de orixe as actividades asociativas dos emigrantes no continente americano. A maior parte destas películas realizáronse en América do Sur, Argentina, Cuba e Uruguai. Por último, tamén conversei por correo electrónico con Antonio Porto, unha das persoas que participou na web newyork.gal contando a historia da súa familia en relación con Nova York.

Tamén se revisaron libros como A muller loba de Claudio Rodríguez Fer e Sempre en Galiza de Castelao. O libro de “Actas do Congreso Internacional O exilio galego”, celebrado no 2021 e as “Memorias” anuais da Casa Galicia de NY. Con esta información, que me serviu de inspiración, comecei a desenvolver os primeiros bosquexos, ata chegar á idea final.