Ao comezo da guerra civil exiliouse a Nova York, onde o seu pai emigrara en 1913. Alí, tras comezar estudos universitarios en Literatura Española (que non rematou), fundou a Editorial Eliseo Torres, máis tarde chamada Eliseo Torres & Sons. Comezou cunha pequena librería en en 800 E. 156 St, foi mercando as coleccións doutras librerías especializadas que ían pechando na rúa 14, importou libros desde Latinoamérica, e pasou a converterse no principal suministrador de obras para os departamentos de Hispánicas da cidade. Por mor deste crecemento, o negocio trasladouse primeiro a 1469 St. Lawrence Avenue, e finalmente en 1164 St. Garrison Avenue, onde o nutrido fondo dun millón de exemplares aloxouse nunha nave de catro plantas. Por ela pasaron investigadores coma Américo Castro, Pedro Salinas, Ángel del Río, Tomás Navarro Tomás, Emilio González López ou Joaquín Casalduero.
Paralelamente, creou a editorial Eliseo Torres & Sons nos anos 40, especializada en ensaios e edicións críticas de literatura española e hispanoamericana, baixo a dirección do tamén galego e director do Departamento de Español do Hunter College Emilio González López. O catálogo inclúe por example estudos sobre Miguel Ángel Asturias, Juan Goytisolo, Antonio Buero Vallejo, Pío Baroja e Benito Pérez Galdós. Tras o seu pasamento, o fondo da librería foi mercado pola editorial Renacimiento, e atópase en Sevilla desde 1995 (Fontes: Lucía Cotarelo Esteban, “Semblanza de Eliseo Torres” (2017) e “Hispanismo exiliado: el mundo literario y editorial de los intelectuales españoles llegados a Nueva York” (2018); Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000))