Rubia Barcia, José

Mugardos, 1914 – California, 1997. Escritor e profesor exiliado en Cuba e Estados Unidos.
(Imaxe de https://www.gf.org/fellows/all-fellows/jose-rubia-barcia/)

Na súa infancia, José Rubia Barcia destacou como un excelente estudante. Grazas ás súas notas de bacharelato, recibiu unha bolsa estatal para estudar un título universitario nunha institución española da súa elección. Aos 17 anos trasladouse a Granada para estudar Filosofía. Nesta cidade, involucrouse en política, comezou a escribir en varias revistas locais, participou no grupo de teatro universitario “La carreta”, que pode considerarse como un precursor do grupo de Federico García Lorca “La Barraca”, coñeceu de feito a Lorca (quen tamén actuou en La carreta), e rematou un doutoramento en Estudos Árabes. Rubia Barcia gozou e contribuíu á puxante vida cultural e política da Segunda República española, cuxo proxecto viu como unha oportunidade histórica para modernizar plenamente o país.
Durante a Guerra Civil Española, Rubia Barcia involucrouse de cheo na defensa da República. Loitou no frente, converteuse en director da revista Armas y Letras e foi encargado da correspondencia coa Unión Soviética. Cando rematou a guerra, cruzou a fronteira francesa e foi enviado a un campo de concentración en Saint Laurent de Cerdans, onde case morreu por mor do frío. Conseguiu escapar e en París púxose en contacto cun dos seus tíos que vivía en Cuba, na Habana. Grazas á axuda económica que recibiu deste tío, Rubia Barcia puido viaxar á illa, onde estivo de 1939 a 1943, ata que foi invitado polo tamén exiliado e prestixioso hispanista Américo Castro para traballar como profesor asistente na Universidade de Princeton en Nova Jersey.

Nos Estados Unidos estivo baixo vixilancia do FBI e atopou continuas dificultades para permanecer legalmente no país, xa que era sospeitoso de ser un axente comunista (polos seus lazos coa República española). En 1945, as autoridades de inmigración iniciaron un proceso de deportación contra el. Foi encarcerado en Seattle e estivo a piques de ser enviado a España. Un ano antes coñecera ao director de cine Luis Buñuel en Nova York, quen o convenceu para traballar xuntos para Warner Bros en Hollywood, onde durante dous anos traballaron principalmente dobrando películas americanas ao español. Buñuel tamén estivo baixo estreita vixilancia polo FBI.

As dificultades de Rubia Barcia coas autoridades americanas remataron dez anos despois, grazas ao apoio que recibiu da Universidade de California, onde fora contratado como profesor asistente en 1947. Nesta institución, Rubia Barcia desenvolveu unha prolífica carreira académica no eido dos Estudos Hispánicas, publicando extensamente sobre autores como Unamuno e Valle-Inclán, supervisando innumerables teses de doutoramento e converténdose en director do Departamento de Español e Portugués en 1963. Publicou regularmente en revistas pro-republicanas como España Libre, onde expresou fortes críticas contra Franco e o apoio dos Estados Unidos ao seu réxime. Estes artigos foron recollidos no volume Prosas de razón y hiel. Desde el Exilio: desmitificando al franquismo y ensoñando una España mejor (Venezuela, 1976). Tamén publicara a obra de teatro Tres en Uno. Auto sacramental á antiga usanza (1940) durante a súa estancia en Cuba. Nos Estados Unidos escribiu o volume de poesía en prosa surrealista Umbral de sueños (1961), con ilustracións do tamén exiliado galego Eugenio Granell. Despois do final da ditadura, publicou un poemario en galego, A aza enraizada. Cantigas de Bendicer (1981) Xubilouse na UCLA en 1985 e faleceu en California en 1997 (Fontes: Eva Ocampo Vigo e Esperanza Piñeiro de San Miguel, Xosé Rubia Barcia. Un intelectual ferrolán no exilio (1995), José Manuel González Herrán, José Rubia Barcia: Unha vida contada (2014)).