Pacio Lindín, Dino

Xemil, Pastoriza (Lugo), 1934. Sociólogo e profesor exiliado.
Dino Pacio Lindín na Casa Galicia de NY en 1988 (fondo Francisco Álvarez)

Despois de cursar estudos universitarios en España, Italia e Alemaña, marchou aos Estados Unidos en 1970. Considérase un exiliado politico, debido ás restricións do franquismo. En Nova York, comeza a desenvolver un labor social a partir de 1971, cun proxecto para a rehabilitación de drogadictos por unha banda, e coa creación dunha rede de ensinanza para xente nova de orixe latino no baixo Manhattan. Esta segunda actividade comezou con clases nos propios apartamentos onde vivían os alumnos, e pasou en 1973 a ser unha corporación educativa chamada “Solidaridad Humana”. Grazas ao programa, algúns destes estudantes conseguiron aprobar o exame de ingreso na Universidade.

Ademais deste traballo coa comunidade, Pacio Lindín tamén impartiu clase en varias universidades estadounidenses, como profesor de Socioloxía e de Lingüística, en Rochester, Fordham, e a Universidade da Cidade de Nova Iorque (CUNY), onde se xubilou no ano 2000. Publicou varios ensaios en diferentes linguas, por exemplo: Juventud radical (1978), Terra Húmeda (1979), Biliterate Immigrants in a Community Setting (1991) (Fontes: prólogo de Carlos G. Reigosa a Juventud radical; Galicia Digital; El País; Sonia Villapol, “Dino Pacio Lindín, da Terra Húmida ó Baixo Manhattan”).