Novoa Ortiz, Sofía

Vigo, 1902 – Madrid, 1987. Exiliada, profesora, pianista e musicóloga.
(Foto da portada do libro Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga y exiliada de Carmen Losada Gallego – Instituto de Estudios Vigueses, 2020)

Fixo estudos de música en Vigo, Madrid e Portugal. En Madrid viviu na Residencia de Señoritas (adxunta á Residencia de Estudiantes) entre 1918-1925 e 1930-1935. Estudou piano e composición e obtivo o premio extraordinario de fin de carrera.

En 1937, tras o comezo da guerra civil, embarca cara aos Estados Unidos (o seu pai Joaquín Novoa Barros era politico de esquerdas e presidente da Conxunción Republicano-Socialista de Vigo). Regresou a Madrid para defender a súa tese doutoral na Facultade de Filosofía e Letras da Universidad Complutense, mais voltou a marchar aos Estados Unidos. Alí foi profesora de español primeiro na Universidade de Columbia e logo ata a súa xubilación en 1967 no Vassar College (Poughhkeepsie, Estado de New York ao norte da cidade), onde foi Directora do Departamento de Español. Estableceuse en Madrid durante o seu retiro. Finou en 1987 e as súas cinzas foron esparexidas no cemiterio de Cangas (Fontes: Raquel Vázquez Ramil, “Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid” (2012), Carmen Losada, “Fuentes para el Estudio de Sofía Novoa (1902‑1987), una pianista viguesa de la Edad de Plata” (2013); “Sofía Novoa, a galega que puxo música á Xeración do 27”).