Novas Regueira, José

Beluso, 1921 – Florida, 2002. Exiliado e publicista.
(Foto do Concello de Bueu)

Fillo de José Novas García, un dos fundadores da sociedade Unión Cultural Bueu, Beluso y sus contornos en Nova York. Naceu en 1921 en Beluso e emigrou a Nova York en 1928, onde se reuníu, xunto coa súa nai, con José Novas pai. Voltou a Galicia en 1931. En 1936, tras o alzamento fascista, forma parte da resistencia ás forzas sublevadas e consegue escapar grazas á nacionalidade estadounidense que o seu pai acadara en 1928, o que lles permitiu deixar Galicia nun trasatlántico camiño de Nova York. Nos Estados Unidos, serviu na mariña do exercito nortemericano, con destinos en Centroamérica durante a Segunda Guerra Mundial. Finalizado o conflito, gradúase na Universidade de Brown e comeza a traballar para Colgate-Palmolive no Departamento de Publicidade Internacional. Sería o comezo dunha exitosa carreira na publicidade que tamén o levou a ser director de publicidade internacional de Gillette e a fundar a súa propia empresa de distribución e produción de radio e televisión, Laradiotel (Latin American Radio and Television Corporation) e posteriormente Publicidad Novas que se integraría na axencia Leo Burnett. Foi nomeado presidente mundial da IAA (International Advertising Association), sendo o primeiro iberoamericano neste cargo. En 1993 creou a Fundación Novas en Beluso, que dota de becas a estudantes excelentes con limitados recursos económicos, e foi nomeado Fillo Predilecto de Bueu en 1997. Finou en Florida en 2002. Desde 2009, ten unha praza co seu nome en Beluso. (Fonte: manuscrito “El hijo de un emigrante” de José Novas Regueiro).