Moscoso, Víctor

Vilaboa (A Coruña), 1936. Artista gráfico.
(Foto de Justo Moscoso)

Emigrou a Nova York coa súa familia en 1940. Instaláronse en Brooklyn, onde pasou a maior parte da súa nenez. Estudou arte na universidade privada Cooper Union for the Advancement of Science and Art (Nova York) e máis tarde en Yale University. En 1960 ingresa no Art Institute of San Francisco, e nesta cidade desenvolve unha carreira existosa como deseñador de carteis de concertos e portadas de discos de grupos de rock da cidade como Grateful Dead (cuxo líder Jerry García era tamén fillo dun galego). Algúns dos seus carteis forman parte da colección de museos coma o Louvre (París), o MOMA (Nova York) e o Victoria & Albert Museum (Londres). O The Smithsonian American Art Museum di que foi “o primeiro artista gráfico do rock con formación e experiencia académica”. Moscoso tamén debuxou para revistas coma Zap Comix, orixe do “comix underground” e onde tamén publicaron artistas coma Robert Crumb (Fontes: David Pintor, “El dibujante gallego que hizo vibrar los carteles de la psicodelia americana”; Moma, “Victor Moscoso”; The Smithsonian American Art Museum, “Victor Moscoso”).