Xornal español de corte republicano publicado en Nova York, e dirixido polo vigués Ceferino Barbazán. O primeiro número apareceu o 19 de xullo de 1937. O seu lema era: “Pola xusticia social. Pola democracia. Contra a tiranía e o fascismo”. Deu grande visibilidade á figura de Castelao, publicando artigos sobre a súa obra e pensamento galeguista, e traballos firmados por el. Fixo asimesmo un seguimento da campaña de Castelao polos Estados Unidos, reproducindo partes dalgúns dos seus discursos. Membros do Frente Popular Antifascista Gallego, como o seu secretario de propaganda Víctor Fernández, tamén publicaron en La Voz (Fontes: do testemuño de Emilio González López no libro Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000); proxecto dixital de Ana María Díaz-Marcos).