Emigrou de Tomiño a Nova York ao redor dos anos vinte. Casara en Taborda, e tivo cinco fillos, mais non levou á familia aos Estados Unidos, seguramente por problemas burocráticos.
En Nova York, traballou na cociña, probablemente en restaurantes galegos como El Quijote, do que Noé garda unha tarxeta de visita.
Foi tamén socio da Unión del Porvenir, a sociedade creada na cidade en 1918 por emigrantes de Taborda e Piñeiro.
Viviu en Nova York ata comezos dos anos 50, sen facer ningunha visita polo medio. Nese periodo xirou cartos para a familia, nalgunhas ocasións a través de Portugal, e tamén directamente a Galicia, como se suxire nunha carta enviada á súa muller.
Mandou tamén obxectos, entre eles unha radio en unha máquina de coser Singer. Unha carta firmada polo seu cuñado solicita o envío dunha máquina de escribir, a instancias do xefe local da Falange, Francisco Pino Carrera, que a obtería como “donativo”. O prezo da máquina era de ao redor de 500 pesetas.
Joaquín voltou a Tomiño a unha idade xa avanzada, e por desgraza non chegou a coñecer ao seu fillo máis novo, posto este emigrou ese mesmo ano ao Uruguai.
O noso agradecemento a Noé Benavides por compartir esta historia, e tamén á historiadora Natalia Jorge Pereira.