Guerra da Cal (Pérez Guerra), Ernesto

Ferrol, 1911 – Lisboa 1994. Escritor e profesor exiliado en Nova York.
Imaxe de https://emigracion.xunta.gal/es/actualidad/noticia/la-obra-ernesto-guerra-cal-genera-interes-su-centenario

Nado cos apelidos Pérez Guerra, pasou a súa nenez en Galicia antes de que a súa nai se mudase a Madrid. Nesta cidade, e durante os seus anos de estudante, coñece e se relaciona tanto con persoeiros da política galega (por exemplo Castelao) como con escritores da Xeración do 27 da literatura española. Fai especial amizade con Federico García Lorca, e ten un papel importante na elaboración dos Seis Poemas Galegos do poeta granadino. Na guerra civil, afectado pola morte do seu amigo Lorca, alístase nas Milicias Gallegas do bando republicano. Foi tamén membro do Servicio de Información Militar, en nome do cal viaxou a Nova York para investigar unha suposta apropiación de fondos recabados para a República. Na version de Miguel Anxo Seixas Seoane, Pérez Guerra foi procurado por Ramón Mosteiro (do Frente Popular Antifascista Gallego) nunha viaxe a Barcelona, para que axude na propaganda pro-republicana e no plan de axuda aos refuxiados nos EEUU. O final da guerra civil colléo nesta cidade, onde residiu durante máis de corenta anos.

O 18 de abril de 1945 obtén a cidadanía estadounidense e cambia o seus apelidos a Guerra da Cal. En Nova York desenvolve unha importante actividade académica. Doutórase en literatura portuguesa cunha tese sobre Eça de Queiroz e traballa como profesor Universitario na New York University e City University of New York, ademais de ocupar cargos importantes na Association of Teachers of Spanish and Portuguese, a Modern Language Association of America e o National Selecting Committee for Fulbright Awards to Spain and Portugal. O seu traballo foi pioneiro no desenvolvemento dos Estudos de Portugués nos Estados Unidos. Ademais do seu labor académico, acadou sona como poeta (adoptando a grafía portuguesa nas súas obras dun xeito tamén innovador), con volumes coma Lua de alén mar (1959) e Rio de sonho e tempo (1962). Malia os seus logros académicos e literarios, é aínda unha figura pouco coñecida en Galicia (para máis información véxase o traballo de Joel R. Gômez, por exemplo o seu libro Ernesto Guerra da Cal, do exilio a galego universal (2015); Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).