Un dos referentes dos Estudos Galegos contemporáneos. Escribiu ensaios sobre Álvaro Cunqueiro e diversos aspectos da narrativa e cultura galega contemporáneas. O seu innovador traballo académico serviu para renovar os Estudos Galegos, por exemplo coa obra Resistencia cultural e diferencia histórica (2000).
Marchou aos Estados Unidos en 1976 para traballar como documentalista na Dag Hammarskjöld Library da ONU. Posteriormente, en 1982, fixo estudos de mestrado no Graduate Center da City University of New York (CUNY), onde tamén se doutorou cunha tese sobre a narrativa de Álvaro Cunqueiro. En 1985 entrou como profesor no Hunter College da mesma institución e alí chegaría a ser catedrático e xefe do departamento de Romance Languages.
En 1988 foi un dos impulsores (con Kathleen March) da creación da Asociación Internacional de Estudos Galegos nos Estados Unidos (da que foi presidente de 1991 a 1994), e creou e dirixiou no CUNY a primeira cátedra en Estudos Galegos nos Estados Unidos. Faleceu en Nova York nun accidente de tráfico xunto coa súa dona Esperanza Caneda (Fonte: Universidade de Santiago de Compostela, “Nota biográfica”; Alejandro Alonso Nogueira, “Xoán González-Millán, estudioso de la cultura gallega”).