Nado en Nova York, de orixes galegas. Segundo algunhas fontes, o seu pai Liborio Ricardo Fariñas era un galego emigrado a Cuba ou cubano de orixes galegas. A súa nai era irlandesa.
Aínda que descoñecido para o grande público, foi parte do movemento contracultural dos anos sesenta que se desenvolveu no Greenwich Village. Como cantante de folk americano, Fariña frecuentou a compaña de Bob Dylan e Joan Baez. Estivo Casado con Mimi Baez (irmá de Joan), coa que publicou tres discos: Celebrations for a Grey Day, Reflections in a Crystal Wind (ambos os dous de 1965) e Memories (póstumo en 1968). A súa canción “Pack Up Your Sorrows” foi gravada por artistas coma Joan Baez e Johnny Cash. Como escritor, publicou dúas novelas que se poden asociar coa “Beat Generation”: Down So Long It Looks Like Up to Me (1966) e Long Time Coming and a Long Time Gone (póstuma, 1969).
Faleceu prematuramente nun accidente de motocicleta en California (Fontes: David Barnett, “Richard Fariña: lost genius who bridged the gap between beats and hippies” ; Encyclopaedia Britannica; Ed, Whitelock, “Plainsong. Reinventing Richard: the Songs of Richard Farina”; Santiago Romero, “El padrino gallego de Dylan”).