Familia Pita Concha

Información cortesía de Antonio Porto Sánchez

“O primeiro desta familia que foi para Nova York foi Luís, un tío de meu bisavó. Primeiro levou a Julio Pita Concha e despois foi levando os outros irmáns: Rogelio, Luís (sobriño do anterior) e Román.

Unha foto de familia feita en Nova York. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: tío Luís, Luís Pita Concha, Julio Pita Concha e Román Pita Concha (fondo Antonio Porto Sánchez)

Julio era o máis vello, o primeiro en marchar e enviar diñeiro para manter os irmáns, dado que seu pai morrera novo e súa nai quedara a cargo de todos os fillos. Julio tamén foi o primeiro en volver; en 1934 estableceu unha tenda de roupa na rúa de Santo André da Coruña, que se chamaba “Nueva York en Coruña” e desapareceu definitivamente en 2016.

https://www.pinterest.es/pin/36605827596612867

Román era o pai da miña avoa paterna, natural do Porto de Santa Cruz (Liáns, Oleiros). Chegou a Nova York o 15 de decembro de 1919 a bordo dun barco chamado Chicago, que partira de Bordeos. Nese momento tiña 28 anos e xa estaba casado, cunha filla (miña avoa) que tiña 4 anos. O documento indica que se ía reunir cun seu curmán, chamado “Manoel Llanos”, que vivía no 13 da rúa 11 (11th St. 13). Ninguén da miña familia garda recordo desta persoa e teño a impresión de que o nome real podería ser Manuel Yáñez, porque ese apelido si estaba na familia (nesta zona hai seseo implosivo e recordo a miña avoa pronunciando “Yáñez” como “Eañes”). Por outra banda, o documento indica que o meu bisavó xa entrara previamente nos Estados Unidos en 1914 e en 1918, o que me resultou moi sorprendente; en calquera caso, non puiden encontrar os rexistros correspondentes a esas viaxes, malia que a dixitalización xa abranguía as entradas no porto de Nova York desde 1892 a 1924.

O barco Chicago (fondo Antonio Porto Sánchez)

Finalmente, amais de indicacións sobre características físicas, sinálase que a profesión que ía desempeñar (calling or occupation) era fireman. Isto sorprendeume especialmente. Na miña casa sempre se contaba que tivera un restaurante chamado “Fundador”, en sociedade cun home de Padrón chamado Bustelo, pero nunca se mencionara que fose bombeiro. Imaxino que ao longo de tantos anos cambiaría moitas veces de ocupación. E hai outra cousa que me intriga: nesa época había moita xente deste concello vivindo alá. Polo que me contaron na casa, moitos deles traballaban de fogoneiros nas caldeiras de calefacción dos edificios e pasaron media vida encerrados neses sotos, ata acabar medio tolos. É posible que eu estea entendendo mal “fireman” e esta ocupación teña algo que ver cos fogoneiros?

Foto de Román Pita Concha enviada desde Nova York (fondo Antonio Porto Sánchez)

Nesa época, os emigrados en Nova York enviaban ás familias todo tipo de produtos. No máis cru da guerra civil, chegaban a mandar aceite de oliva español marca La Giralda, que non se conseguía aquí no mercado. Tamén bacallau pola Noiteboa, café Mundo en latas redondas, concentrado de carne en pastillas… A miña familia lembra tamén un ferro de pasar a roupa (eléctrico e con termóstato), moita roupa… O meu bisavó Román tiña un amigo que traballaba no barco Marqués de Comillas e mandaba cousas por el. Outro veciño, o tío Manolo, tiña outro amigo no Magallanes que se chamaba Jaime e era camareiro, grazas ao que tamén conseguía enviar paquetes.

Foto de Román Pita Concha enviada desde Nova York (fondo Antonio Porto Sánchez)

O meu bisavó pasou practicamente todo o resto da súa vida en Nova York, con visitas esporádicas. Nos anos 50 (1955, aproximadamente) volveu para aquí con intención de quedar, pero detectáronlle un tumor e decidiu irse operar nos Estados Unidos. Faleceu alí e foi enterrado en New Jersey polos nosos familiares. A finais dos 70, meus avós viaxaron a Nova York e visitaron a súa sepultura, da que gardamos un par de fotografías.

En 1976, os meus avós e a miña curmá viaxaron a Nova York. Miña avoa, Carmen Pita Pereiro, tivo ocasión de visitar a sepultura de seu pai (fondo Antonio Porto Sánchez)

En 2006 eu tamén visitei a cidade e quixen localizar o cemiterio. Un parente noso (filo de Celia Garrido Pita), que era un rapaz en 1957 e agora vivía en Las Vegas, respondeume a un email dándome a pista de que o cemiterio estaba en Elizabeth (Nova Jersey), perto do aeroporto de Newark. Polo que me contou, moitos dos galegos do seu contorno foran enterrados alí e imaxinaba que ese sería o lugar, pero non lembraba o nome exacto. Visitei o Mount Olivet Cemetery (Newark), pero cadrou ser Sábado Santo e a recepción estaba pechada. Agora creo que o cemiterio debe ser o Rosedale and Rosehill Cemetery, en Linden (NJ), porque na web hai constancia dun Román Pita que foi enterrado alí en 1956.

Julio Garrido Pita pasou boa parte da súa vida adulta en Nova York, onde tiña o restaurante “Ebro”. Co diñeiro que gañou estableceu en 1959 a primeira gasolineira que houbo no Porto de Santa Cruz, que desapareceu en 2016.

Anuncio do restaurante Ebro no xornal España Libre (Arquivo da Emigración Galega)

Manuel Porto Blanco era natural de Abeleiras de Baixo (Dorneda, Oleiros), irmán do meu avó paterno e padriño de meu pai. Seu pai Antonio xa fora mariño mercante: morreu embarcado e acabou enterrado en Santiago de Cuba. Manuel emigrou a Nova York e alí dedicouse ao mesmo oficio. Primeiro foi para Bos Aires e de alí para os Estados Unidos. Comezou pola Arxentina porque tiña alí a seu irmán Francisco, que era o máis vello e tiña unha imprenta, unha libraría e unha empresa de autobuses. Francisco marchara porque xa tiña na Arxentiña uns tíos, que eran irmáns da súa nai. Pola súa banda, a miña familia interpreta que Manuel Porto Blanco mantiña un certo compromiso co bando republicano, entre outras cousas porque, durante a Guerra Civil e o primeiro Franquismo, o seu barco mercante tocaba ás veces o porto de Bilbo e el non baixaba a terra. Mantiña algunhas discusións con seu irmán, meu avó Antonio, por causa do choque cultural: Manuel insistía en que nos Estados Unidos el era Mr. Porto; a meu avó, que estivera sindicado antes da Guerra Civil e mantiña unha certa admiración por Rusia e un certo desprezo polos Estados Unidos, parecíalle mal que non usase o nome completo, incluído o apelido de súa nai.

Volveu definitivamente nos anos 60/70 e estableceuse en Abeleiras coa súa irmá e sobriñas. Lembrábase da época da Guerra Civil, cando colaboraba economicamente “coa causa” republicana. A finais dos anos 70 e comezos dos 80, meus pais acababan de casar e acompañábano ás ceas e comidas “dos americanos”. Eran uns eventos que reunían os emigrantes retornados dos Estados Unidos nesta zona de Oleiros, Sada e Bergondo. Celebrábanse aquí polo 4 de xullo e por Acción de Grazas. A meus pais chamáballes a atención que os comensais marchasen xusto despois de xantar, sen tertulia, e sempre interpretaron que fora un costume que adoptaran alá.  Meu pai lémbrase dunha ocasión en que acudiu Emilio González López, que deu un discurso.

Por outra banda, miña nai é de Veigue (Sada). Un tío-avó seu tamén emigrou a Nova York, Antonio Vilachán Sánchez (irmán de miña avoa María Rosa). Morreu nun accidente laboral relacionado coa construción. A familia recibiu pouca información do que acontecera. Cos cartos que mandaron da indemnización, o avó de miña nai fixo o nicho vello que aínda conserva a familia no cemiterio da súa parroquia (Santa Comba de Veigue, Sada). Había moitos veciños e familiares de Veigue alá naquela época.

Fóra da miña familia, a xeración de meus pais ten moitos recordos de veciños que emigraron a Nova York e do que supuxo esa emigración para as familias de Santa Cruz, sobre todo na primeira metade do século XX. Para rematar, reprodúzolle unha copla que lle dedicaron no Entroido a un deses veciños, que foi a Nova York e volveu en pouco tempo porque non se adaptou ben:

Eu fun a Navayor

aló botei un ano

trouxen un baúl

coma un americano

O noso agradecemento a Antonio Porto Sánchez por compartir xenerosamente esta historia familiar.