Docampo Ramos, María

? EEUU (Nova York?) – 1948, Arillo (Oleiros, A Coruña). Tradutora e intérprete, posible axente do servizo de intelixencia norteamericano.
Luis Soto, María Docampo, Virxinia Pereira e Castelao en Nova York (en Castelao, a UPG e outras memorias de Luis Soto – Xerais, 1983)

Filla de galegos, nada en Norteamérica. Seu pai, Francisco Docampo Pérez (de Bergondo) emigrara aos Estados Unidos con catorce anos. Xa estivera emigrado en Inglaterra como mariñeiro. En Nova York traballou como maquinista e fogoneiro. Neste cidade coñeceu a María Ramos Díaz (Cabreiroa, Oleiros). María tiña unha irmá, Encarnación, quen casou en Nova York con outro galego, Pedro Lema (Corme, Ponteceso).

Docampo traballou como intérprete de castelán en portugués no Banco de Londres de Wall Street. Durante a estadía de Castelao e Virxinia Pereira nos Estados Unidos, foi contratada polo Frente Popular Antifascista Gallego, para facer de tradutora e secretaria da parella. Ademais do seu labor profesional, estabeleceron unha relación persoal próxima, “case familiar” segundo Emilio González López. Porén, ao remate da guerra civil, Docampo desapareceu repentinamente e non mantivo o contacto.

A misteriosa desaparición de María Docampo tomou un novo xiro cando Emilio González López visitou Panamá en 1941, para un curso sobre Dereito Penal. Alí, a través do profesor e economista Edmund Peevy, coñece que Docampo fora a súa secretaria en Servicios Especiales, e membro do servicio de información militar dos EEUU (a actual CIA). A conclusión de González López é que Docampo estivera seguindo a visita de Castelao para o servizo de intelixencia americano, e a súa desaparición debérase a que o seu traballo rematara e tería que comezar unha nova misión. Este tipo de vixiancia no foi inusual cos exiliados republicanos, aos que o goberno norteamericano non deu asilo politico e que a miúdo os asociou co comunismo. Así sucedeu por exemplo con Luis Buñuel e José Rubia Barcia. A viaxe previa de Castelao á URSS e a súa proximidade co Partido Comunista (por exemplo a través de Luis Soto) puideron ser algunhas das razóns polas que foi espiado pola intelixencia dos EEUU. Como desvelou o historiador Eliseo Fernández, o nacionalismo galego foi tamén investigado polos servizos secretos británicos, como consta nun informe de 1945 que se refire a Castelao coma o exiliado galego máis importante.

Debido ao seu tráxico final, sábese que Docampo faleceu en Arillo (Oleiros) en 1948. En 1947 casara en México con José García Peña, de Jalisco. Mais deberon ter problemas na relación desde moi cedo, posto que en 1948 viaxou soa para establecerse en Galicia, onde os seus pais retornaran. “O Jalisco” (alcume do seu marido) seguiuna ata Oleiros, e na finca dos pais, “La Brava”, asasinou a María, á nai, é a irmá, no que foi coñecido na prensa como o “crime do Jalisco”.

Malia o evidente crime de violencia machista (García Peña asasinaría en 1976 á súa seguinte parella e á súa filla), desenvolveuse a teoría de que o asasinato de Docampo podería ter motivacións políticas, asociadas á CIA. Non só porque “O Jalisco” queimou varias fotos e documentos no lugar do crime, senón porque recibiu un trato moi livián por parte das autoridades españolas, que non se correspondeu coa brutalidade do crime. Así mesmo, un documento desclasificado pola CIA indica que García Peña foi trasladado a un centro de adestramento na axencia en Gran Canaria. Despois do asasinato da dúa seguinte parella, suicidouse en 1978 no hospital psiquiátrico ao que fora enviado, tamén nestas illas. A historia foi recreada polo dramaturgo Manuel Guede Oliva na obra “A función do Tequila” (Premio Rafael Dieste, 2011), e representada pola compañía Teatro do Morcego.

Cando Virxinia Pereira voltou a Galicia en 1968, visitou o cemiterio de Dorneda, onde descansan os restos de Docampo, un acto que confirma o afecto que a parella tiña por ela (Fontes: Cilia Torna Ferreiro, “María Docampo, unha espía para Castelao” (2016); Marta Villar, “La coruñesa que espió a Castelao para la CIA” (2017); Rodri García, “O crime do Jalisco, paso a paso” (2016) ; Premios María Casares, “A función do Tequila”; Extracto da obra de teatro en Youtube; Miguel Anxo Seixas Seoane, Castelao. Construtor da nación, tomo II (1931-1939) (2020)).