De acordo con documentación atopada no Arquivo Municipal de Bergondo, Cherry Street foi unha das localizacións da cidade onde se asentou un número importante de galegos e galegas nas primeiras décadas do século XX. Nesta rúa, e adxacentes como James Street, tiveron sede varias sociedades como Sociedad Cultural Gallega, Sada y sus contornos, Bergondo y sus contornos, Unión Cultural Bueu, Beluso y sus contornos e Socorros mutuos muradanos. Estaba preto do porto e de Water Street, área onde tamén se estableceron emigrantes galegos na mesma época. Entre finais dos anos corenta e comezos dos cincuenta o barrio foi demolido para construír vivendas de maior calidade, o que supuxo a dispersión da comunidade galega que alí se establecera (Fonte: Arquivo Municipal de Bergondo).