Antes do exilio, Basilio Álvarez foi un activista agrarista, fundador de Acción Gallega en 1910 e con participación na prensa, por exemplo en El Eco de Orense. Tamén coñecido coma “o abade de Beiro”, foi retirado da súa parroquia debido á súa loita contra o caciquismo. Durante a Segunda República, foi deputado polo Partido Republicano Radical. Despois do golpe de estado do 36 marchou do país, e residiu en Arxentina, Cuba e nos Estados Unidos.
O seu primeiro destino nos EEUU foi Nova York. Segundo o testemuño de Emilio Gónzalez López, Álvarez chegou á cidade en malas condicións económicas e de saúde. González López e Castelao buscaron o apoio do embaixador da República en Washington, Fernando de los Ríos, para que recibise unha pensión. González López menciona o papel dos presidentes do Frente Popular Antifascista Gallego e a Sociedad Española de Beneficencia nesas negociacións, Salvador Galán e Xoán Deus respectivamente, ambos os dous de Sada. Nas páxinas do xornal España Libre pódense tamén atopar referencias ao “Comité pro-Basilio Álvarez” (9/8/1940 e 23/5/1941). En Crónicas galegas de América, Xosé Neira Vilas refírese ao estado de saúde e á tristura de Basilio Álvarez en Nova York, onde mantivo contacto regular con Castelao, quen según Neira Vilas trataba de levantarlle o ánimo cantando “coplas picantes”.
Fernando de los Ríos accedeu a proporcionarlle a devandita pensión, e Álvarez trasladouse a vivir a Tampa (Florida) despois de recibir unha homenaxe recollida por España Libre no xornal do 23/5/1941. Mesmo despois da súa marcha, continuou o apoio da comunidade galega de Nova York. A Casa Galicia Unity Gallega organizou un evento musical na súa honra, segundo aparece en España Libre o 23/4/1943, xunto cunha carta de agradecemento do propio Álvarez, xa hospitalizado no Sanatorio del Centro Español de Tampa. Este xornal tamén lle adicou o seu Editorial o 26/11/1943 con motivo do seu pasamento (Fontes: Emilio González López, Castelao, propagandista da República en Norteamérica (2000), Xosé Neira Vilas, Crónicas galegas de América (1999), España Libre).