A viaxe a Nova York

David Miranda-Barreiro
Senior Lecturer in Hispanic Studies, Bangor University (Wales)

A emigración aos Estados Unidos é un episodio da nosa historia que ten sido frecuentemente esquecido. A superioridade en termos numéricos, así como a relevancia política e cultural dos movementos migratorios cara a Latinoamérica, oscureceron a miúdo a existencia dunha comunidade galega neste país, sobre todo nas cidades de Nova York e Newark. Os poucos e necesarios traballos que trataron o tema en profundidade (Pérez Rey 2001, García-Rodeja e Pérez Rey 2007, Varela-Lago 2007 e Vilar Álvarez 2009) apuntan a unha importante presenza galega en Nova York, especialmente cando se pon en relación cos números totais da emigración española a esta cidade. Os principais lugares de orixe dos emigrantes que saíron cara a Estados Unidos estaban sobre todo en vilas costeiras como Bergondo, Sada, Oleiros, Muros, Bueu, Boiro, Carnota, Ribeira, e tamén con especial incidencia nalgúns puntos do interior coma Tomiño e Ourense.

Como parte da miña investigación, no verán de 2016 visitei os Arquivos Municipais dalgúns destes lugares, onde se pode atopar o rastro deste movemento migratorio nos libros de rexistro de emigrantes. Para completar o meu roteiro arquivístico, indaguei así mesmo no Arquivo da Emigración Galega en Compostela, o Arquivo Municipal da cidade de A Coruña e o Arquivo do Reino de Galicia. Foi precisamente na Coruña onde atopei información moi valiosa que deita luz sobre o proceso que seguían os emigrantes antes de marchar de Galicia.

Como exemplo, comezarei seguindo o camiño de Juana Coloma Martínez, quen en 1921 ten 21 anos e reside na Coruña. Nese mesmo ano, decide marchar para Nova York. Para iso, como é de agardar, ten que solicitar un pasaporte, para o cal deber pedir un certificado de residencia ao Concello. Posto que Juana non reside no centro da cidade (vivía cerca da Ronda de Nelle), ten que pedir dito certificado ao Alcalde de Barrio, unha figura que se remonta ao século XVII, e que funcionaba como representante do Concello “en poblados y barriadas separadas del casco urbano y que no constituyan Entidad local”, seguindo un Manual del Concejal publicado en 2007. Velaquí o informe de Juana, atopado no Arquivo Municipal da Coruña:

(Arquivo Municipal A Coruña)

El alcalde de barrio que suscribe informa: que Dña Juana Coloma Martínez y su hija Juana González Coloma así como el niño Pascual Rogelio Bouzas de 6 años de edad, hijo de Rogelio y Adelaida, que va a residir con sus padres a Nueva York y bajo el cuidado de la Doña Juana Coloma, con domicilio los interesados en Juan Castro Mosquera nº8 – 1º, llevan más de dos años de residencia en esta ciudad. Y para que conste y [sic] efectos de embarque expido la presente en La Coruña a veinticuatro de febrero de mil novecientos veintiuno.

Enrique Toral

Como se pode ver, o informe tamén nos indica o paradoiro doutra parella de emigrantes. Seguindo una dinámica habitual nos procesos migratorios (no só en Galicia, por suposto), nesta época era habitual que moitos dos emigrantes xa tiveran algún membro da familia na cidade de destino, co que se ían reunir, e este caso é ilustrativo desta práctica.
No Arquivo da Coruña podemos atopar máis exemplos de informes de este tipo, así como das petición que os futuros emigrantes facían ao Concello para a expedición de dito documento, como é o caso de Francisco Freire Cácharo:

(Arquivo Municipal A Coruña)

E velaquí o informe do Alcalde de Barrio:

El Alcalde del Barrio (G?) que suscribe
Informa que Francisco Freire Cacharo, de 31 casado jornalero domiciliado en la Calle de las Cuevas nº 9 – lleva residiendo en esta Ciuda [sic] mas [sic] de veinte años.

Y para que conste a efectos de emigración sobre pasaporte en el Gobierno civil expido la presente en
La Coruña 19 de Noviembre – 1920 Juan Canosa

Outro exemplo de informe é o correspondente a Isidoro Galán Mosquera:

O seguinte paso no noso seguimento destes casos de estudo é o de certificar se de feito acadaron o pasaporte. Isto pódese consultar nos libros de rexistro de pasaporte do Arquivo do Reino de Galicia, tamén na Coruña. Non todas as persoas que solicitaron ou recibiron un informe aparecen logo neste rexistro, co que non é sempre sinxelo seguir o seu rastro. Por exemplo, puiden atopar o nome de Juana Coloma e Isidoro Galán, mais non o de Francisco Freire.

(Arquivo do Reino de Galicia, A Coruña)
(Arquivo do Reino de Galicia, A Coruña)

Antes de marchar, os emigrantes tiñan tamén que facer unha “ficha” que nos deixa constancia da súa apariencia física. Esta ficha parece ser algo específico do Concello coruñés, xa que non atopei un documento semellante noutras localidades. Facíase esta ficha antes ou despois do pasaporte? No arquivo non souberon dicirme. O lóxico sería que fose despois, unha vez que xa tivesen todos os papeis en regra para poder embarcar. Mais no caso de Francisco Freire, quen non ten entrada no rexistro de pasaportes, si ten unha destas fichas no Arquivo da Coruña. Pode ser que o seu nome quedase traspapelado no rexistro de pasaportes e por iso non o poidamos atopar, ou que se atope nun libro diferente.

(Arquivo Municipal A Coruña)
(Arquivo Municipal A Coruña)

Para viaxar de Galicia a Nova York existían certos barcos que facían a ruta regularmente, sendo o máis coñecido o chamado “Marqués de Comillas”. Segundo o a lista de embarque que se pode atopar nos arquivos de Ellis Island, Juana chegou a Nova York o 7 de abril de 1921, a bordo do barco “Black Arrow” (saída da Coruña). O arquivo de Ellis Island dános máis información: sabemos que Juana vai reunirse co seu marido, Francisco González, que vivía en 108 Cherry Street.

Black Arrow (Rexistro de Ellis Island)

Pola súa banda, tamén de acordo co rexistro de Ellis Island, Isidoro Galán saíu da Coruña o 30 de maio de 1921, a bordo do “Alfonso XIII”, e chegou a Nova York o 11 de xuño. O seu contacto na cidade era o seu irmán José, con residencia 174 Ferry Street, New York.

Alfonso XIII (Rexistro de Ellis Island)

Na base de datos de Ellis Island aparecen varias entradas co nome Francisco Freire, máis semella pouco probable que se trate do noso caso. Algunhas das entradas teñen data anterior a 1920, e logo aparecen varias a partir de 1924. Neste ano, un home chamado Francisco Freire chegou desde Puerto Rico. Podería ser que o noso Francisco viaxase primeiro a Latinoamérica? A chegada aos Estados Unidos despois de pasar un tempo nun país Latinoamericano non era algo estraño. Por outra banda, a entrada nos Estados Unidos de xeito ilegal era tamén unha práctica habitual, por exemplo a bordo de barcos mercantís. Porén, Francisco Freire semella ter toda a documentación en regra, así que non parece que isto fose necesario. Outra posibilidade é que o seu nome non se escribise correctamente no rexistro de Ellis Island, aínda que o feito de que exista unha multitude de entradas co mesmo nome parece desbotar esta hipótese. Se cadra, simplemente decidiu non viaxar ou pospoñer a súa viaxe.

Unha vez en Ellis Island, os emigrantes tiñan que pasar dous exames físicos, primeiro o chamado “six-second physical” (exame físico de seis segundos), no que un medico buscaba síntomas de enfermidades contaxiosas ou outros problemas de saúde. Se detectaba algún destes problemas, escribía unha letra con xiz na roupa da persoa, por exemplo un X para enfermidades mentais, ou un B para problemas de espalda. A continuación lle facían unha inspección ocular, un exame que buscaba especialmente síntomas de tracoma. Entre 1891 e 1930 preto de 80.000 emigrantes foron rexeitados por enfermidade ou problemas físicos e non puideron entrar nos Estados Unidos, aínda que isto supón soamente o 1% de todos os migrantes chegados neste periodo.

Despois dos exames físicos chegaba a entrevista persoal ou “Interrogation”. En dous minutos, o inspector comprobaba se a información entregada polo emigrante (nome, idade, relixión, derradeiro lugar de residencia, etc.) era correcta, se a persoa podía valerse por si mesma, e se non supuña un perigo para a sociedade. Soamente un 2% dos emigrantes eran rexeitados despois desta interrogación. A maoría conseguían aquí a “landing card” (tarxeta de chegada) que lles permitía saír de Ellis Island e continuar a súa viaxe. Antes de saír da illa podían cambiar os seus cartos a dólares, mercar tickets para o tren, e recuperaban a súa equipaxe.

(Shutterstock)

Que foi de Juana e Isidoro unha vez chegados a Nova York? O seu rastro pérdese despois do rexistro do arquivo de Ellis Island. Juana instalaríase en Cherry Street, como indica a direción do seu home, un barrio (xa desaparecido) no que residían moitos dos emigrantes galegos, e Isidoro en Ferry Street co seu irmán.

Como nos indican os historiadores Bieito Alonso e Xosé Manuel Núñez Seixas, os emigrados galegos en Nova York eran de “composición social media-baixa”, principalmente obreiros, mariñeiros e traballadores portuarios, o que explica que se xuntaran en zonas próximas ao porto como a devandita Cherry Street e Water Street. Nestas rúas e noutras zonas de Nova York, os emigrantes tamén abriron comercios e restaurantes, e fundaron as súas sociedades, que Núñez Seixas describe como “microterritoriais” xa que teñen un forte vencello coas súas localidades de orixe, ata o punto de que concellos como Bergondo e Sada (con pouca separación entre eles), tiñan cadansúa sociedade.

(Arquivo Municipal Bergondo)

As sociedades galegas desta natureza que existiron en Nova York, e das que teño constancia foron: “Bergondo y sus contornos”, “Sada y sus contornos”, “Seguros Mutuos Muradanos, “Unión del Porvenir. Sociedad de Instrucción y Recreo de Tomiño e Taborda” e “Unión Cultural de Bueu, Beluso y sus contornos”. A maioría destas sociedades foron desaparecendo despois da Guerra Civil, quedando como principal referencia para a comunidade galega a Casa Galicia (Unity Gallega) ata o día de hoxe. Tamén existían sociedades semellantes e “Centros” na veciña Nova Jersey, como o “Centro Orensano” ou “Hijos de Palmeira” que se foron creando ao longo do século vinte, estando algúns deles aínda abertos hoxe en día.