A actividade musical de Sofía Novoa nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial

Samuel Diz
Intérprete e musicólogo

Samuel Diz (Tui, 1986) é intérprete e investigador da música no exilio republicano de 1939. Recupera e divulga nos seus conciertos e grabacións o legado musical das creadoras da Idade de Prata e do exilio republicano español. Graduado en guitarra clásica no Conservatorio Superior de Sevilla e Máster en Patrimonio Cultural y Museología en la Universidad Internacional de Valencia.

Este traballo foi publicado orixinalmente no volume A música represaliada, unha foliada da memoria, editado por Ana Vicente Rivas (Deputación Provincial de Pontevedra, 2023). Reproducímolo aquí grazas á xenerosidade de Samuel Diz, a quen quedamos moi agradecidos.

A pianista e pedagoga Sofía Novoa Ortiz (Vigo, 1902-1987) forma parte dunha xeración de mulleres españolas que viviron os avances feministas do primeiro terzo do século XX. No campo musical, este grupo de creadoras accedeu á formación nos centros oficias de ensinanza europeos, recibindo o maxisterio dos principais nomes que conformarían o canon académico da historiografía continental, sendo unha destas pioneiras a navarra Emiliana de Zubeldia, alumna da Schola Cantorum de París. Outras dúas compositoras precursoras foron a madrileña María Rodrigo, quen recibiu a primeira bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) para realizar estudos musicais, e a segoviana María de Pablos, primeira muller en ingresar na Real Academia de España en Roma. No ámbito da pedagoxía musical, a catalá Aurora Bertrana chegara ao Instituto Jacques-Dalcroze de Xenebra para mergullarse no método Dalcroze, unha innovadora metodoloxía de música, rítmica e danza que Sofía Novoa descubriría entre 1928 e 1930 en L’Ecole Normal de Musique de París coa francesa Nadia Boulanger, quen se converteu nunha das principais referentes no desenvolvemento profesional de Novoa en Madrid durante a Segunda República e xa, a partir de 1937, no seu exilio nos Estados Unidos.

Esta traxectoria pedagóxica de Sofía Novoa foi minuciosamente reconstruída pola investigadora Carmen Losada Gallego na súa tese de doutoramento defendida na Universidade de Santiago de Compostela, que se publicou baixo o título Sofía Novoa Ortiz: pianista, pedagoga y exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020). En paralelo, as nosas investigacións enfócanse no desenvolvemento artístico e musical das creadoras do exilio republicano español, e o obxectivo deste breve estudo é achegarnos á actividade escénica de Novoa nos Estados Unidos no período da Segunda Guerra Mundial, un campo non estudado do que presentamos un conxunto de materiais inéditos e propomos futuras liñas de investigación de estudos de xénero e transatlánticos.

Para situar brevemente a traxectoria profesional de Sofía Novoa antes do seu exilio nos Estados Unidos, mencionaremos que dende o ano 1930 a súa actividade pedagóxica estaba vencellada ao Instituto-Escuela de Madrid e a Residencia de Señoritas dirixida por María de Maeztu, con quen mantiña unha relación moi estreita. Alí impartía clases e organizaba actividades culturais. Ademais, Novoa formaba parte das mulleres modernas que se reunían no Lyceum Club Femenino ou que logo impulsarían os avances sociais da lei de divorcio ou o dereito ao sufraxio universal. O golpe de Estado de 1936 sorprendeuna en Vigo gozando dos meses estivais ao carón da súa familia e preparando unha nova estadía en Francia e Suíza cunha bolsa de estudos da JAE. Tal e como recolle Losada Gallego, Sofía Novoa lembraba a fatídica data do 19 de xullo por ser un dos días da súa vida que máis calor pasara, xa que «a caldeira de casa non deixaba de funcionar queimando todo o que nos parecía perigoso». Aínda que non existe a constancia de que ninguén da familia sufrise graves represalias directas durante a Guerra Civil, Novoa nacera nun ambiente progresista próximo á Institución Libre de Enseñanza, ao que se sumaba o seu propio desenvolvemento persoal nos círculos feministas da Segunda República. Ante esta situación, o 8 de xullo de 1937 partiría do porto de Lisboa rumbo a Nova York grazas ao convite de Federico de Onís para incorporase como lectora á Universidade de Columbia e ao Instituto de las Españas.

Nunha visión global, calquera movemento migratorio comporta a adaptación á cultura e ás necesidades laborais do país de acollida e, no caso concreto dos Estados Unidos, dende a Primeira Guerra Mundial o español fora substituíndo o alemán como lingua estranxeira, xa que era a ensinanza deste unha oportunidade profesional para diferentes exiliadas como Sofía Novoa. Tras o seu paso inicial pola Universidade de Columbia e o anexo feminino da Barnard College, no ano 1942 Novoa foi contratada polo departamento de español da Vassar College, un campus feminino de referencia en que Concepción Arenal xa puxera a atención en 1861 no seu libro La mujer del porvenir por ser o centro que impulsara o acceso da muller á ensinanza superior nos Estados Unidos. A relación de Sofía Novoa coa Vassar College estenderíase durante vinte e cinco anos, empregando os coñecementos adquiridos da metodoloxía Dalcroze na ensinanza de bailes e cancións españolas e hispanoamericanas á comunidade anglófona. En paralelo, Novoa participaría en numerosos actos culturais académicos, coordinando as danzas e músicas en obras de teatro, dirixindo os grupos corais universitarios ou organizando espectáculos coma a «festa galega» que reuniu na Vassar College a Elvira Fernández e Lilian Mechalich para executar unha serie de bailes tradicionais xunto aos gaiteiros José Chacón, José Bellón e El Capitán.1

Non era a primeira vez que Sofía Novoa divulgaba o patrimonio musical galego nos Estados Unidos, xa que na súa biografía musical sempre mencionou o concerto ofrecido no Museum of Modern Art (MoMA) como o seu debut no país americano. Segundo a nota de prensa conservada no arquivo do museo,2 o 14 de maio de 1941 Novoa cantaría melodías e romances do antigo cancioneiro español que ata o momento non se escoitaran anteriormente no país, acompañándose unicamente dunha pandeireta ou dunhas castañolas, e xunto a un grupo de música tradicional galega liderado polo gaiteiro José Bellón que incluía tamboril, bombo e unha parella de baile. Este espectáculo, titulado Review Ibérica, completábase cun cadro de danza española conformado por Antonia Martínez, o seu irmán Juan Martínez e o guitarrista Jerónimo Villarino. O crítico musical Miles Kastendieck recollería as súas sensacións na prensa e mencionaría que «a novidade da velada foi a aparición dos Gaiteros» e aínda que recoñecía que o público non estaba preparado «para este achegamento á vida dos habitantes da provincia ao norte de España, a súa actuación, á que se sumaron bailes autóctonos, fora unha rara delicia». Kastendieck continuaría esta crónica mencionando o «excepcional, a súa maneira, da actuación de Sofía Novoa, quen se estreou como cantante cunha serie de cancións e romances populares recompilados en España […] cantando cun estilo áspero e un toque de vulgaridade que resultaban bastante coherentes».3 A exótica actuación de Novoa non pasou desapercibida e espertaría a desaprobación de Alma Lubin na súa columna xornalística4 mentres que o crítico teatral Douglas Watt puxo a atención na vestimenta de Novoa e o seu parecido con «Mary, a raíña dos escoceses»,5 o que nos convida a pensar se o vestiario empregado nos concertos coincidiría cunha fotografía tomada nesa época en que porta mantilla e un sapo sobre o peito. A pluralidade destas reaccións encaixan á perfección cos obxectivos da estadounidense Louise Crane, a organizadora desta serie de concertos no MoMA. Crane incitaba a ruptura das fronteiras físicas, dos estilos musicais e das conviccións morais, achegando ao público acomodado dos museos da costa leste dos Estados Unidos diferentes músicas populares ou xéneros ligados aos clubs nocturnos dos barrios considerados ata o momento coma marxinais. Ao mesmo tempo, impulsaba interpretacións novidosas de música clásica. Este activismo cultural foi estudado pola historiadora Carmen de la Guardia no seu libro Victoria Kent y Louise Crane en Nueva York: un exilio compartido (Sílex, 2015), que dedica un conxunto de páxinas á actividade de Crane como «manager de artistas» nos Coffee Concerts do MoMA, serie en que se enmarcara a presentación da Review Ibérica uns meses despois da actuación dunha das figuras icónicas da música dos Estados Unidos: Billie Holiday.

Co recrutamento de homes á fronte de batalla durante a Segunda Guerra Mundial, en países coma os Estados Unidos as mulleres desenvolveron profesións ata o momento reservadas para eles, un
contexto que no ámbito musical traduciuse na proliferación de numerosas artistas, bandas e orquestras femininas, así como produtoras coma Louise Crane. Esta «manager de artistas» era filla de Josephine Crane, unha muller que investira a súa fortuna no mecenado artístico e no desenvolvemento de institucións educativas, sendo unha das cofundadoras do Museum of Modern Art ou da Dalton School, unha escola de primaria e secundaria á que Sofía Novoa accedería como profesora no segundo semestre de 1940. Aínda que non podemos situar con exactitude o inicio da relación entre Louise Crane e Sofía Novoa, non resulta casual que en paralelo ao acceso da galega á Dalton School documentemos a xénese do espectáculo Review Ibérica con dúas presentacións iniciais no Berkshire Museum de Pittsfield6 e no Avery Memorial de Hartford.7 Dous concertos cos que a música tradicional galega estaría presente nos estados de Massachusetts e Connecticut e que Novoa obviaría na súa biografía musical, o que nos convida a analizar o seu interese estratéxico ou agradecemento á familia Crane ao situar o seu debut no Museum of Modern Art. Despois destes concertos, Louise Crane continuaría distribuíndo o espectáculo por diferentes cidades e escenarios como o Hotel Barclay de Filadelfia no marco da Art Alliance,8 ou no Theresa L. Kaufmann Concert Center9 de Nova York en que documentamos a derradeira presentación da Review Ibérica o 22 de marzo de 1942, data que tamén coincide coa saída de Sofía Novoa da Dalton School.

En paralelo ao espectáculo Review Ibérica impulsado por Louise Crane e a outras actividades culturais nas que Sofía Novoa participou nos diferentes centros educativos nos que impartiu aulas, gustaríanos pór atención nos círculos de mulleres cos que colaborou nos Estados Unidos, dando continuidade ao vivido en Madrid durante a Segunda República. Así, aos poucos meses de chegar a Nova York, Novoa participaría nun concerto organizado pola Larchmont Woman’s Club10 e, segundo a información obtida a través da prensa americana, un dos seus últimos compromisos artísticos estaría organizado pola American Association of University Women,11 unha organización vixente fundada no século XIX que promove a equidade para mulleres e nenas a través do apoio, a educación e a investigación.

Os derradeiros anuncios artísticos vencellados ao presente obxecto de estudo dan publicidade ao concerto de cancións folclóricas españolas e latinoamericanas programado pola Brooklyn Academy of Music o 30 de xaneiro de 1945, en que «a soprano Sofía Novoa acompañarase a si mesma ao piano e con instrumentos rítmicos autóctonos, contando coa colaboración do Trío Inca formado polos cantantes e guitarristas Segundo Cortez, Eugenio Nieve e Carlos Valladolid».12 Non podemos confirmar que Novoa chegase a ofrecer este concerto xa que, segundo indica a biógrafa Losada Gallego, Sofía viviu un fondo proceso depresivo co pasamento tres semanas antes da súa nai, Sofía Ortiz García, unha situación que probablemente se sumaba ás enfermidades que a obrigaran nos meses anteriores a aprazar e cancelar unha serie de compromisos.13

Neste contexto, o derradeiro concerto documentado tería lugar o 28 de novembro de 1944 no Century Club de Scranton, no estado de Pensilvania, en que unha vez máis Sofía Novoa interpretou cancións españolas, portuguesas e latinoamericanas. Pola significación deste recital, permitímonos reproducir as impresións do crítico musical D. E. Jones:

“[…] ante un público numeroso […] Miss Novoa presentou a música folclórica de México, Colombia, Perú, Arxentina, Chile, Brasil, Cuba e Porto Rico, acompañándoas con piano, cunchas, pandeireta e castañolas. A semellanza da música destes países, así como de España e Portugal, deu unha considerable monotonía ao programa. Un ritmo forte, un movemento rápido tras un emotivo cantabile e o frecuente berro cadencial son algunhas das características que se atopan nesta música. De cando en vez había unha melodía refinada, sobre todo en tonalidade menor, momento no que se asemellaban ás cancións populares doutros países latinoeuropeos. Por esta razón, foron moi interesantes dende o punto de vista histórico. Esta monotonía tampouco foi eliminada por completo coa interpretación das cancións por parte de Miss Novoa. A súa voz ten un característico acento español, de compás pequeno, con pouca cor, cos tons máis graves apenas audibles. Non obstante, alcanzou o seu mellor efecto no rexistro medio, cando soaba agradable. Os seus acompañamentos de piano eran exemplos de bo gusto e destreza técnica, os trazos dunha pianista consumada.”14

Coincidindo coa fin da Segunda Guerra Mundial, Novoa abandonou os espazos escénicos e focalizou o seu desenvolvemento profesional na investigación literaria, a pedagoxía e as actividades culturais de ámbito académico, cuxos logros máis destacados serían a súa tese de doutoramento sobre El amor en el Romancero viejo (1950), defendida na Universidade Central de Madrid, e o nomeamento como Associate professor na Vassar College.15 Mais o fin da contenda bélica tamén supuxo a posibilidade de viaxar a España despois de case nove anos de desterro para abrazar os seus irmáns e visitar o panteón familiar no camposanto municipal de Cangas en que fora sepultada a súa nai. A partir de 1946 Novoa iría intercalando os cursos académicos nos Estados Unidos con diversas viaxes estivais a España, país ao que regresaría definitivamente en 1967.

Como peche a esta reconstrución da actividade artística de Sofía Novoa, un tema de estudo inédito ata o momento, quedaría aberta unha futura liña de investigación sobre a relación persoal e profesional da galega con Loiuse Crane a partir dos fondos documentais do Arquivo Louise Crane conservados na Beinecke Rare Book & Manuscript Library da Yale University. Segundo as cartas que Sofía escribía a súa familia, un epistolario traballado por Gallego Losada na súa tese de doutoramento, a relación de amizade superou á unión profesional entre ambas, momentos que con total probabilidade vivían dende a apertura homosexual que caracterizou á personalidade de Crane.

En diversas conversas que mantivemos con Gloria, Isabel e Laura García Lorca de los Ríos descubrimos que o sorriso de Sofía permanecía no recordo das tres irmás ao igual que o son da pandeireta, instrumento do que «era unha gran virtuosa». Como desexo persoal, ogallá existese a posibilidade de recuperar e divulgar nun futuro próximo as gravacións realizadas por Sofía Novoa nos primeiros anos da súa estancia nos Estados Unidos, rexistros sonoros a través dos cales podemos ouvir cancións en portugués, castelán e galego, a capela ou con acompañamento de piano ou pandeiro, incluíndo as melodías Teño un amor na montaña, Palmeira, Na beira do mar ou Así fai quen o baila. Para as irmás García Lorca de los Ríos evocar a Sofía leva implícito lembrar a granadina Manuela Sánchez Escanilla, dúas vidas compartidas dende os anos cincuenta ata o falecemento de ambas en 1987.

Referencias

  1. The Poughkeepsie Journal, 26 de novembro de 1943, 10. ↩︎
  2. «Spanish Dancers, Folk Singer, Bagpiper, Guitarist to Appear in Coffee Concert at Museum of Modern Art». www.moma.org/momaorg/shared/pdfs/docs/press_archives/697/releases/ MOMA_1941_0036_1941-05-05_41505-34.pdf ↩︎
  3. The Brooklyn Daily Eagle, 11 de maio de 1941, 12. ↩︎
  4. «The Cincinnati Enquirer», 25 de maio de 1941: 30. ↩︎
  5. Daily News, 16 de maio de 1941, 43. ↩︎
  6. The North Adams Transcript, 22 de outubro de 1940: 5, e 1 de novembro de 1940, 5. ↩︎
  7. The Hartford Daily Courant, 21 de novembro de 1940, 9. ↩︎
  8. The Philadelphia Inquirer, 16 de novembro de 1941, 57. ↩︎
  9. Daily News, 18 de marzo de 1942, 55. ↩︎
  10. The Daily Times, 7 de abril de 1938, 2. ↩︎
  11. The Record, 10 de novembro de 1944, 8. ↩︎
  12. The Brooklyn Daily, 30 de xaneiro de 1945, 5. ↩︎
  13. The Times Tribune, 11 de novembro de 1944, 7. Scrantonian Tribune, 11 de novembro de 1944: 22. The Record, 8 de decembro de 1944, ↩︎
  14. The Tribune, 29 de novembro de 1944, 12. ↩︎
  15. Poughkeepsie Journal, 18 de febreiro de 1951, 1. ↩︎